O conselleiro de Sanidade interveu na inauguración da Reunión de deterioro cognitivo da Sociedade Galega de Neuroloxía, que se celebra en Santiago

Gómez Caamaño avanza a creación dun proceso asistencial integrado de atención primaria ás demencias antes de finais de ano

Entre os obxectivos, destaca a axilización da comunicación entre a atención primaria e hospitalaria ante unha sospeita diagnóstica

No ano 2024 realizáronse máis de 716.000 consultas por sospeita da enfermidade de alzhéimer e demencia senil

Galicia é pioneira no eido da neuroloxía co proceso asistencial integrado para o dano cerebral adquirido e o tratamento HIFU para os pacientes con párkinson

Santiago, 13 de xuño de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asistiu esta tarde á inauguración da Reunión de deterioro cognitivo da Sociedade Galega de Neuroloxía, acompañado de Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, acto durante o que avanzou a intención da Consellería de crear un Proceso Asistencial Integrado de Atención Primaria ás Demencias antes de que remate este ano.

Un dos principais obxectivos desta iniciativa é optimizar a comunicación entre a atención primaria e hospitalaria. Así mesmo, este proxecto tamén contribuirá a homoxeneizar a asistencia en todas as áreas sanitarias galegas. Na actualidade, xa se realizaron reunións con profesionais de distintos campos como a neuroloxía, psiquiatría, enfermería ou traballo social. En fases posteriores, traballarase coas asociacións de pacientes para incorporar a súa visión.

Gómez Caamaño destacou a abordaxe das enfermidades neurodexenerativas como un dos maiores retos aos que se enfronta o sistema sanitario, dado o avellentamento da poboación galega. No 2024, realizáronse en Galicia máis de 716.000 consultas por sospeita da enfermidade de alzhéimer ou demencia senil. No mesmo período, foron atendidos 30.000 pacientes nos centros de saúde galegos.

No referido ao volume de consultas, destaca a área de Vigo con máis de 134.000; seguida da da Coruña e Cee, que supera as 128.000; e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que pasa das 120.000.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor outras experiencias consolidadas no Servizo Galego de Saúde en relación á Neuroloxía. Entre elas, o Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido ou a introdución do tratamento HIFU no 2021. Con esta acción, o sistema público galego converteuse no primeiro sistema público de saúde de España, e un dos primeiros de Europa, en contar coa tecnoloxía máis avanzada no tratamento do Párkinson.

Ao longo do seu discurso, o conselleiro de Sanidade tamén tivo palabras de agradecemento para a Sociedade Galega de Neuroloxía.

Destacou a presenza de profesionais dos hospitais de Madrid, Barcelona, Asturias ou Valencia e agradeceu que se incluíran temas como os estudos de neuroimaxe e xenética, ou o papel dos biomarcadores no diagnóstico das demencias.

A Sociedade Galega de Neuroloxía leva catro décadas centrándose no estudo, prevención e tratamento das enfermidades neurolóxicas. Destaca tamén por manter unha sólida colaboración coas distintas asociacións de pacientes, dándolles voz e visibilidade ás súas necesidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2025