A Xunta reivindica a conexión entre industria e emprendemento como eixo clave para o futuro da economía galega

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa hoxe na inauguración do Mindtech Startup Event 2025, onde destaca o papel das startups na transformación tecnolóxica da industria

Defende a cooperación como modelo de éxito e lembra que a Xunta reforza o seu apoio ao ecosistema emprendedor con novas aceleradoras ou unha liña de axudas directas para cubrir o 100 % dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases

Destaca o bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3 % e unha ocupación produtiva superior ao 90 %

Vigo, 18 de xuño de 2025

 A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na apertura do Mindtech Startup Event, un encontro que reúne a emprendedores, investidores, empresas tractoras e representantes institucionais no marco da feira industrial Mindtech en Vigo e no que puxo en valor a importancia da conexión entre industria e emprendemento para impulsar a competitividade da economía galega.

Toca Carús destacou a colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do Igape, e ASIME, unha alianza que se mantén desde 2019 e que deu lugar á consolidación do “Mindtech Startup Arena”, espazo expositivo que acolle aceleradoras, incubadoras e startups con alto contido tecnolóxico.

O Mindtech Startup Event céntrase nesta edición en cuestións clave para o crecemento das novas empresas tecnolóxicas: financiamento en fases temperás, escalado de proxectos, ecosistema emprendedor e as finais do concurso de startups en tres categorías: proxecto máis disruptivo, innovación en sistemas enerxéticos e ambientais, e procesos dixitais aplicados á industria.

Apoio integral ás startups galegas

Neste escenario, subliñou Toca Carús, a Xunta reafirma a súa aposta polo emprendemento innovador cun conxunto de instrumentos de apoio que abranguen desde as fases máis iniciais ata a expansión internacional. Entre eles, a directora do Igape destacou a liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para cubrir o 100 % dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases, con achegas de ata 20.000 euros por proxecto.

Estas medidas, lembrou, compleméntanse coa rede de aceleradoras sectoriais Business Factory -BFAuto, BFFood, BFAero, BF Clima Tech-, que contarán este ano con novas incorporacións nos ámbitos da saúde, o deporte e as enerxías renovables. “Este modelo de acompañamento integral converte a Galicia nun territorio especialmente atractivo para emprender”, sinalou Toca, quen insistiu en que “o emprendemento non é só unha estratexia económica, senón tamén unha forma de construír comunidade e futuro”.

Industria metalúrxica e internacionalización

A directora do Igape referiuse tamén ao bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3 % e unha ocupación produtiva superior ao 90 %. Este sector, segundo explicou, está a gañar peso en ámbitos de alto valor como a defensa, a aeronáutica e a eólica mariña, o que obriga a fortalecer a conexión co sistema educativo e atraer novo talento.

En paralelo, a internacionalización segue a ser unha das grandes apostas da Xunta. En 2024, Galicia acadou unha cifra récord de exportacións por valor de 31.019 millóns de euros, cun crecemento interanual do 12 % en marzo de 2025. Toca destacou que os produtos exportados son de alto valor engadido —automoción, alimentación ou biotecnoloxía— e que os destinos se diversifican cada vez máis.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2025