A Xunta apoia a andaina solidaria contra o cancro que acollerá este domingo Outeiro de Rei

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación da iniciativa en favor da AECC, organizada polo Concello coa colaboración do Goberno galego

Outeiro de Rei (Lugo), 18 de xuño de 2025

A Xunta colabora coa andaina solidaria en favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) organizada polo Concello de Outeiro de Rei para o próximo domingo, 22 de xuño.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa xunto co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, e o presidente da AECC en Lugo, José Manuel Rozas, entre outros.

A ruta partirá ás 11,30 horas da praza do Concello e fará un percorrido circular duns sete quilómetros, considerado de baixa dificultade. O prazo de inscrición está aberto ata mañá, 19 de xuño. As persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura ou chamando ao número de teléfono 982 39 34 08. Antes da andaina, ás 11,00 horas, haberá un taller sobre doazón de medula.

Durante a actividade ofreceranse degustacións gastronómicas de produtos de calidade galegos, como xamón e  embutidos de Porco Celta – co patrocinio da Xunta a través da iniciativa Experiencias de Calidade – e filloas elaboradas por filloeiras de Muimenta. 

Tamén estará presente unha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR, da Consellería do Mar, que ofrecerá degustacións gratuítas de tapas elaboradas con peixe e marisco galego e con produtos de proximidade. O obxectivo deste programa é promocionar estes produtos para fomentar o seu consumo.

Arias destacou que a Xunta mantén unha colaboración constante coa AECC, ao tempo que segue a traballar “para dotar á sanidade pública galega de ferramentas punteiras na prevención, diagnóstico e tratamento do cancro”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2025