O presidente da Xunta de Galicia asistiu hoxe en Madrid á entrega dos Premios Merca2, que recoñeceron o labor identitario da Comunidade

Rueda destaca a marca Galicia Calidade como símbolo dunha comunidade fiable, auténtica e competitiva

Reivindica este premio como un recoñecemento a Galicia pola procura da excelencia en todos os ámbitos

Madrid, 19 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recolleu este xoves un dos galardóns outorgados nos Premios Merca2, nun acto que puxo en valor a marca Galicia Calidade como símbolo da procura da excelencia en todos os sectores. Rueda agradeceu o recoñecemento á comunidade en nome de todos os galegos e enxalzou o labor das persoas e sectores que fan posible, día a día, unha Galicia recoñecida polos seus feitos.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego reivindicou que Galicia é hoxe unha marca sólida e respectada grazas a unha esixencia no traballo ben feito. Subliñou que Galicia Calidade vai máis alá dun selo comercial para representa unha filosofía de vida e unha forma de facer, que abrangue desde a excelencia na ciencia e a innovación, como “motores de futuro”, ata un turismo de calidade que fai a Galicia un destino convertido xa en “refuxio climático”.

Rueda subliñou que a Xunta traballa para que esta marca sexa transversal a toda a acción do Goberno galego, e apoiou esa afirmación con datos como a taxa de paro máis baixa da historia, o liderado en enerxías renovables ou a oferta de universidade gratuíta. Insistiu en que Galicia aposta por competir en calidade e por proxectar unha imaxe de comunidade fiable, moderna e con personalidade propia, que avanza sen renunciar ao seu sentidiño.

Data de actualización: 19/06/2025