A Xunta salienta a contribución das Olimpíadas Rurais de Galicia á dinamización do rural galego
A conselleira do Medio Rural participou esta tarde na entrega de premios da segunda edición deste certame
María José Gómez agradeceu a colaboración do concello e do Colectivo Deportivo Hércules á hora de impulsar esta iniciativa
Trasladou os seus parabéns aos galardoados e fixo unha mención especial a todos os participantes, que son “a proba” de que o rural galego está cheo de oportunidades
Friol (Lugo), 22 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta tarde na entrega de premios das segundas Olimpíadas Rurais de Galicia, que se celebra hoxe no concello lucense de Friol. Durante a clausura do acto, Gómez salientou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para dinamizara nivel social, cultural e económico as zonas rurais da nosa comunidade.
A conselleira agradeceu a colaboración do concello e do alcalde desta localidade, José Ángel Santos, e do Club Deportivo Hércules á hora de impulsar esta iniciativa, que contribúe de xeito significativo a “manter vivo o noso rural”. Seguindo esta liña, lembrou a importancia de preservar as tradicións e de desenvolver actividades de reclamo.
María José Gómez trasladou os seus parabéns aos galardoados nesta segunda edición, facendo unha mención especial a todas aquelas persoas que decidiron participar nas Olimpíadas Rurais de Galicia, xa que “son a proba” de que o rural galego está cheo de oportunidades.
Olimpíadas Rurais de Galicia
A segunda edición das Olimpíadas Rurais de Galicia celebrouse durante esta fin de semana en Friol e no evento combínanse a tradición, o deporte, a gastronomía e a música. As probas que se disputan son xogos tradicionais populares como os zancos, o lanzamento de lastra, a cadeira da raíña ou as carreiras de sacos.