A Xunta licita por 1,5 M€ a xestión de proxectos e desenvolvemento de 26 aplicacións informáticas do Servizo Galego de Saúde

Entre estas aplicacións están as que conforman o sistema de información de diagnóstico por imaxe, dos bancos de sangue, dos laboratorios de microbioloxía, dos tratamentos anticoagulantes orais ou do control de receitas de talonario en papel

As empresas interesadas en participar na licitación teñen ata o próximo 21 de xullo para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por importe de 1.561.190,40 euros, da contratación dos servizos de xestión de proxectos e desenvolvemento para a evolución de aplicacións departamentais dos centros do Servizo Galego de Saúde.

O contrato recolle 26 aplicacións das que se precisa a xestión do proxecto ou o seu desenvolvemento, ou ambos os dous servizos.

Entre elas destacan os sistemas de información de diagnóstico por imaxe, do control de receitas de talonario en papel, de información para protección radiolóxica, de dietética e cociña, de banco de sangue, de xestión do tratamento anticoagulante oral, de información de laboratorio de microbioloxía ou información xeral de laboratorio.

Tamén se inclúen no contrato a xestión dos laboratorios de anatomía patolóxica, das citas nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, a plataforma de notificación vía sms do Servizo Galego de Saúde ou os rexistros de pacientes renais ou de proxenitores hematopoéticos.

Esta relación de aplicacións é susceptible de variacións ante a cancelación dalgún sistema que poida entrar en desuso ou pola incorporación de novas aplicacións que substitúan ou amplíen as funcionalidades das ferramentas existentes.

O prazo de execución do contrato é de 12 meses, prorrogable outros 12 meses máis.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 21 de xullo para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 23/06/2025