Martina Aneiros anima a celebrar unha noite de San Xoán de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou da campaña Por un San Xoán de 10! que inclúe un decálogo de consellos para celebrar a festa desta noite
Ferrol, 23 de xuño de 2025
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou no mañá de hoxe o areal de Doniños con motivo da campaña Por un San Xoán de 10! coa que a Xunta de Galicia aposta por celebrar esta noite de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente.
Martina Aneiros repartiu entre os veciños folletos informativos desta campaña que inclúe un decálogo de consellos para celebrar esta festa “sen deixar pegada nas nosas contornas e areais”.
A delegada territorial incidiu no chamamento a manter as praias limpas de residuos e a ser respectuosos coa preservación dos valores naturais dos areais e explicou as pautas de comportamento, que inclúen desde as cuestións a considerar con anterioridade á celebración da noite de San Xoán como os aspectos a ter en conta ao dar por rematada a festa.
Entre os consellos deste campaña, cómpre destacar a conveniencia de facer compras responsables que eviten mercar máis comida e bebidas do necesario para reducir o desperdicio alimentario. Ademais, é recomendable usar friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos, así como priorizar a compra de produtos a granel en vez dos sobrenvasados.
En relación á localización das fogueiras, a delegada territorial lembrou que están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, “non debemos esquecer que os espazos naturais son hábitat de animais e plantas polo que temos que ser respectuosos, polo que tamén é importante reducir a contaminación acústica, evitando o uso de altofalantes de gran potencia que poidan molestar”. Ademais, tamén se recomenda non botar ás fogueiras calquera obxecto que non sexa madeira, porque contamina e pode resultar perigoso.
Por último, unha vez rematada a festa, é moi importante recoller todos os residuos xerados e levalos aos contedores correspondentes para o seu correcto tratamento, cunha mención especial ás cabichas que teñen substancias perigosas e son altamente contaminantes.