O presidente da Xunta respondeu no Pleno do Parlamento ás preguntas dos grupos parlamentarios

Rueda anuncia a aprobación dunha nova Estratexia de enfermidades raras

Salienta que esta nova actuación vai na liña de facer que Galicia siga sendo pioneira en materia de Sanidade

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para dar resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios. Na súa intervención, Rueda anunciou que o Goberno galego vai aprobar proximamente a  nova Estratexia de enfermidades raras para “facer unha atención temperá, para atender aos pacientes como se merecen e para que Galicia siga sendo pioneira en materia de Sanidade”.

A Estratexia, “que marcará un antes e un despois na detección temperá”, vaise aprobar nun dos próximos Consellos. Esta nova actuación vai na liña da aposta do Goberno galego por seguir mellorando a vida das persoas a través do incremento dos recursos da Sanidade pública, con “máis hospitais, máis centros de saúde, máis xente atendida, máis orzamentos que nunca, como mostra de que cumprimos coas nosas obrigas”, tal e como salientou o presidente. Neste sentido, Rueda tamén destacou que Galicia xa foi pioneira na mellora da atención aos doentes de ELA e na aplicación da terapia xénica contra a hemofilia B.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2025