A Xunta urxe ao comisionado do Corredor Atlántico a concretar o plan director con todas as actuacións e investimentos previstos e unha planificación realista

O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a directora xeral de Mobilidade e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE mantiveron hoxe un encontro con José Antonio Sebastián no marco do Foro do Corredor Atlántico

Entre as peticións trasladadas figuran tamén melloras na calidade do servizo e das infraestruturas, o prometido interlocutor directo con Renfe ou a incorporación do AVE Vigo-Porto á rede básica da Rede Transeuropea de Transporte en 2030 e da liña A Coruña-Ferrol na rede ampliada

Bruxelas, 25 de xuño de 2025

O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuníronse hoxe en Bruxelas co comisionado do Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, para afondar nas necesidades de Galicia en relación coa mellora das infraestruturas ferroviarias e a planificación realista do Corredor Atlántico na comunidade.

No encontro apuntouse a urxencia de contar cun plan director do Corredor Atlántico rigoroso e completo, co detalle de todas as actuacións e investimentos previstos, ademais de crear o prometido grupo de traballo para o seguimento do plan.

Así mesmo, insistiuse nalgúns dos temas que preocupan ao Goberno galego e para os que leva tempo demandando solucións, como as melloras na calidade do servizo ferroviario ante as constantes incidencias detectadas (retrasos, avarías e falta de información ás persoas usuarias), o reforzo do servizo de media distancia no Eixo Atlántico con máis frecuencias, trens en horas punta e material rodante moderno, ou a apertura do mercado ferroviario a novos operadores, con trens de ancho variable e maior competencia que redunde en mellores prezos e máis oferta para a cidadanía. Nesta liña, incidiuse na necesidade de que o Goberno central designe un interlocutor oficial con Renfe, que permita unha comunicación directa e fluída coa Xunta.

Outras das demandas trasladadas foi solicitar a incorporación do AVE Vigo-Porto á rede básica da Rede Transeuropea de Transporte en 2030, e da liña A Coruña-Ferrol na rede ampliada, e a consideración de Ferrol e de Vigo como portos nodais. A maiores, tamén se abordou o desdobramento e electrificación de vías, así como a migración da ancho internacional en tramos que xa contan con travesas polivalentes.

Por outra banda, sinalouse a preocupación pola ausencia de proxectos presentados polo Goberno de España nas últimas convocatorias ao mecanismo Conectar Europa para actuacións en Galicia, o que supón unha oportunidade perdida de financiamento europeo para a comunidade.

O comisionado comprometeuse a manter na segunda quincena de xullo unha reunión co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, polo que o Goberno galego agarda poder avanzar nestes temas en dito encontro.

A xuntanza co comisionado enmárcase na axenda de encontros e intervencións dos representantes da Xunta no Foro do Corredor Atlántico. Así, na xornada de hoxe, Javier Abad, Judit Fontela e Jesús Gamallo, mantiveron tamén unha reunión bilateral co coordinador europeo do Corredor Atlántico de Transportes, Carlos Secchi, e a administradora do Foro Corredor Atlántico, Julie Buy, ademais de participar na inauguración do seminario 20 anos de coordinadores da RTE-T.

Data de actualización: 25/06/2025