O presidente da Xunta asistiu á inauguración do novo edificio, que supuxo un investimento de preto de 5 M€ e comprende máis de 5.000 m2

Rueda destaca a nova sede do Instituto de Física de Altas Enerxías como símbolo do compromiso de Galicia coa ciencia e coa investigación de excelencia

Salienta o traballo feito polo IGFAE durante máis de 20 anos e que lle permite traballar “con centros referentes a nivel europeo e mundial”

Defende a aposta da Xunta por “xerar, reter e atraer” talento á comunidade

Lembra o Plan de Investigación e Innovación de Galicia, cun investimento de máis de 1.300 M€ ata 2027

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou este mércores na inauguración da nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), un centro que cualificou como un claro exemplo do compromiso de país coa investigación e coa xeración de coñecemento. “Se non apostamos pola ciencia estaremos perdendo unha carreira competitiva” na que outros seguen avanzando, sinalou.

O titular do Goberno galego resaltou que a nova sede do IGFAE, un centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta, da continuidade a un traballo de máis de dúas décadas que situou na vangarda da investigación. Para Rueda o mellor exemplo de que neste centro “estanse a facer as cousas ben” é a “relación e o intercambio de traballo que hai con centros referentes a nivel europeo e mundial”.

O IGFAE está recoñecido como Unidade de Excelencia María de Maeztu, un distintivo que posúen moi poucos centros en España, e conta máis de 130 profesionais implicados en proxectos de primeiro nivel en física nuclear, partículas e astropartículas, así como en colaboracións activas con institucións como o CERN ou grandes infraestruturas internacionais.

A Xunta destinou preto de 5 millóns de euros para facer realidade este proxecto, que supón máis de 5.000 metros cadrados ao servizo de investigación, con espazos adaptados ao labor científico, experimental e divulgativo.

Rueda remarcou que o investimento en ciencia non só se mide en cifras senón, sobre todo, en intencións. “É responsabilidade das administracións que aquí xurda talento, intentar reter o que hai e recuperar aquel que se foi cando en Galicia había menos oportunidades”, indicou para salientar que a Xunta tamén aposta por atraer a científicos de alto nivel para que desenvolvan a súa carreira profesional na comunidade.

Neste contexto, lembrou que Galicia conta cun Plan de investigación e innovación que mobilizará máis de 1.300 millóns de euros ata 2027, e que inclúe medidas para reter o talento novo e transferir o coñecemento á sociedade. A prioridade, afirmou, é garantir que quen queira investigar poida facelo en Galicia con medios, oportunidades e recoñecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2025