A Xunta aposta por consolidar uns estudos de Medicina fortes e non repetir erros do pasado noutros ámbitos

Román Rodríguez apela a unir esforzos e recursos en prol da mellor formación dos futuros profesionais sanitarios porque “se sumamos gañamos todos e se rachamos perdemos todos”

Apela ao espírito de diálogo e consenso de 2015 para afianzar unha folla de ruta vertebradora que avance nun modelo máis descentralizado e participativo

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, avoga por consolidar unhas ensinanzas de Medicina fortes que velen polos intereses dos alumnos, dos futuros profesionais e, en definitiva, “dos intereses do conxunto de Galicia”.

Así o sinalou hoxe ante o Pleno do Parlamento, onde recalcou a necesidade de afondar na cooperación e o diálogo co fin de avanzar cara un modelo “máis descentralizado e participativo” onde se integren todos os recursos, tanto a nivel de persoal como tecnolóxicos e de infraestruturas e equipamento.

O titular de Educación advertiu da necesidade de “sumar esforzos en vez de rachar poñendo marcos no territorio que nos fagan máis pobres a todos”, en alusión a exemplos de erros de fragmentación cometidos no pasado noutros ámbitos. Explicou, ademais, que ter máis facultades non implica máis prazas para formar máis médicos, xa que a día de hoxe tan só hai sete profesores acreditados para poder impartir clase nas hipotéticas futuras facultades.

Román Rodríguez amosou a súa confianza no grupo de traballo que xa comezou a funcionar esta semana co fin de recuperar o consenso entre as tres universidades públicas galegas para afianzar unha folla de ruta “consensuada e vertebradora” que permita avanzar na descentralización da docencia clínica  e teórica e no reforzo doutros aspectos como a investigación e a innovación. Neste senso, apelou ás universidades para actuar “con xenerosidade e altura de miras” con vistas ao futuro, fronte a criterios “cortoplacistas e de parte”, e sempre poñendo o foco na calidade e na excelencia do modelo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2025