A Xunta inviste máis de 255.000€ na creación dun carril bici e unha senda peonil en Poio coas achegas para proxectos estratéxicos do fondo adicional do fondo de cooperación local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visita o concello para coñecer as obras, que fomentarán a mobilidade sostible

Unha vintena de proxectos resultaron beneficiarios o ano pasado desta orde, da que a Xunta xa publicou a convocatoria deste exercicio por unha contía de 8,5M€

Poio (Pontevedra), 26 de xuño de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe Poio para coñecer de primeira man as obras para a creación dun carril bici e unha senda peonil que discorrerá entre Chancelas e Combarro. O Goberno galego destinou 255.000 euros á iniciativa, a través da liña de colaboración para proxectos de carácter estratéxico en infraestruturas municipais do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL), dotada con 8,5 millóns de euros, que o ano pasado contou cunha vintena de beneficiarios. Ademais, a Xunta mantén o compromiso cos concellos con esta liña e, o pasado abril, publicouse a nova convocatoria para este exercicio cunha contía similar ao ano pasado.

Os traballos inclúen a rehabilitación e mellora do firme existente mediante o reasfaltado para facilitar e a habilitación de cunetas para a evacuación de augas pluviais, ademais de habilitar unha senda peonil e un carril bici para mellorar a seguridade viaria e facer os desprazamentos máis seguros.

Segundo a directora xeral de Administración Local, o obxectivo é adaptar as infraestruturas viarias para reducir o tráfico de vehículos en favor do tránsito peonil e outras formas de mobilidade máis sostible como a bicicleta nun núcleo poboacional de grande importancia patrimonial e turística como é Combarro.

Natalia Prieto destacou a importancia supramunicial do proxecto e o seu carácter estratéxico, xa que o desenvolvemento das infraestruturas viarias na zona contribúe a desconxestionar o tráfico na estrada PO-308, o principal vial vertebrador dalgúns dos concellos máis turísticos das Rías Baixas.

A directora xeral sinalou que as actuacións beneficiarias da liña de colaboración no conxunto de Galicia na convocatoria do ano pasado ascenden a unha vintena, a meirande parte delas situadas na provincia de Pontevedra. As obras céntranse en infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais.

Así, xunto coa iniciativa presentada por Poio, resultaron beneficiarias na provincia as de Meaño, Moraña e Soutomaior, tamén para infraestruturas de mobilidade e accesibilidade; do Rosal, Baiona, Salvaterra de Miño, Marín e Bueu, para instalacións deportivas; a da Mancomunidade do Salnés, para unha infraestrutura hidráulica; e a do Porriño, destinada a servizos sociais.

Outros investimentos en Poio

Tendo en conta estas actuacións no carril bici e a senda entre Chancelas e Combarro, a directora xeral destacou que nos últimos anos o Goberno galego investiu máis de 634.300 euros a través das diferentes medidas de apoio ao eido local. Ao tratarse dun municipio con elevada afluencia de poboación no verán este municipio recibiu apoio en 2024 para apoiar a contratación de auxiliares de Policía Local e persoal de socorrismo. Cómpre lembrar que só o ano pasado a Xunta distribuíu máis de 32 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipais en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2025