A Xunta inaugura en Panamá unha mouteira do Camiño de Santiago xunto ao monumento dos galegos que construíron o Canal

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou o labor da Fundación NosaTerra na difusión da cultura galega e agradeceu o seu compromiso coa preservación da memoria da colectividade galega en Panamá

O acto contou tamén coa presenza de autoridades panameñas, españolas, membros da colectividade galega, representantes culturais e outras personalidades locais

Posteriormente, o secretario xeral da Emigración reunirase co embaixador de España en Panamá para abordar temas de interese común para a colectividade galega residente no país e tamén visitará a Sociedade Española de Beneficencia de Panamá

Panamá, 26 de xuño de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe no acto de inauguración do mouteira do Camiño de Santiago instalada pola Fundación NosaTerra no paseo da calzada de Amador, fronte ao monumento aos españois que participaron na construción do Canal de Panamá.

No evento tamén estiveron presentes destacadas autoridades como o embaixador de España en Panamá, Guzmán Palacios Fernández; o cónsul de España en Panamá, Mario Crespo Ballesteros e os ministros panameños de Turismo, Gloria De León; de Cultura, Maruja Herrera e de Relacións Exteriores, Javier Martínez Acha. Tamén a directora de Cultura e Turismo da Alcaldía de Panamá, Karla Duque e o arcebispo de Panamá, Monseñor José Domingo Ulloa.

O evento simboliza a irmandade entre Galicia e Panamá e pon en valor a pegada da emigración galega neste país centroamericano, ao tempo que proxecta internacionalmente o Camiño de Santiago como símbolo universal de encontro e espiritualidade.

Durante o acto, Antonio Rodríguez Miranda destacou o labor da Fundación NosaTerra na difusión da cultura galega e agradeceu o seu compromiso coa preservación da memoria da colectividade galega en Panamá. “Este fito que inauguramos hoxe é máis ca unha pedra: é un vínculo simbólico e emocional entre Panamá e Galicia, un recordo da nosa historia común e unha invitación a seguir camiñando xuntos cara ao futuro”, sinalou o secretario xeral.

A iniciativa complétase coa instalación, baixo o monumento, dunha cápsula do tempo que conterá vídeos, entrevistas, imaxes e obxectos representativos do proxecto, coa intención de deixar constancia para as futuras xeracións do traballo realizado en prol da galeguidade no exterior.

Esta iniciativa súmase ás diferentes accións impulsadas pola Secretaría Xeral da Emigración no marco da Estratexia Galicia Retorna, que busca fortalecer os lazos coa diáspora e fomentar o regreso da cidadanía galega residente no exterior. 

Encontro co embaixador de España en Panamá

Posteriormente, o secretario xeral da Emigración reunirase co embaixador de España en Panamá para abordar temas de interese común para a colectividade galega residente no país. Trátase dun encontro enmarcado na aposta da Xunta pola colaboración institucional para reforzar o apoio aos galegos que residen fóra das nosas fronteiras, neste caso á comunidade galega en Panamá, especialmente a través de programas de retorno e de promoción da cultura galega. Neste eido, destaca o papel activo que desempeñan as entidades galegas en Panamá na conservación da identidade cultural e na integración das novas xeracións.

Ademais, no marco desta visita institucional ao país centroamericano, Antonio Rodríguez Miranda reunirase coa colectividade galega na Sociedade Española de Beneficencia de Panamá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2025