A Xunta publica o proxecto de decreto que posibilitará a entrega a domicilio de medicamentos ás persoas en situación de dependencia

O texto normativo pode ser consultado no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia

Regulará a entrega nos domicilios, por parte das oficinas de farmacia, de medicamentos, produtos sanitarios e dietoterápicos suxeitos a prescrición ás persoas que teñan recoñecida oficialmente a condición de dependente

Cando se trate de medicación dispensada polos servizos de farmacia hospitalaria, os beneficiarios terán tamén a opción de recollela nunha das 5 oficinas de farmacia máis próximas ao seu domicilio

Co novo decreto, a Xunta reforza a súa aposta por unha atención farmacéutica máis accesible, próxima e inclusiva, ao tempo que garante unha mellor xestión dos servizos públicos

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025

A Xunta, a través do Portal de Transparencia e Goberno Aberto, fai público hoxe o proxecto de decreto polo que se regulará a entrega de medicamentos, produtos sanitarios e dietoterápicos ao domicilio das persoas que teñan recoñecida oficialmente a condición de dependente.

Esta nova norma regulará as condicións, requisitos e sistemas de control aplicables aos supostos especiais de entrega de medicamentos e produtos sanitarios e dietoterápicos, tanto por parte das oficinas de farmacia comunitaria como polos servizos de farmacia dos centros hospitalarios galegos, sexan públicos ou privados.

Deste xeito, todas aquelas persoas que teñan recoñecida oficialmente a condición de dependente, en calquera dos seus graos (I, II ou III), e sempre que teñan o seu domicilio nalgún dos 313 concellos da comunidade, poderán acollerse á dispensación e entrega informada no seu fogar, por parte das oficinas de farmacia, de medicamentos e produtos sanitarios e dietoterápicos suxeitos a prescrición.

Por outra parte, e no caso de que a medicación sexa dispensada polos servizos de farmacia dos hospitais galegos, os beneficiarios deste decreto terán a posibilidade de recollelos nunha das 5 oficinas de farmacia máis próximas ao seu domicilio; en calquera outra farmacia pertencente á área de referencia do seu punto de atención continuada; ou recibilos no seu propio lugar de residencia, todas estas opcións sen renunciar á correcta supervisión das prestacións farmacéuticas polo persoal facultativo correspondente.

No caso deste segundo suposto, poderán acceder ao servizo os usuarios dos servizos de farmacia dos hospitais galegos, públicos e privados, cando reúnan os seguintes requisitos: ter recoñecida oficialmente a condición de dependente e residir nun dos concellos de Galicia, ter sido diagnosticado dunha patoloxía crónica e/ou con necesidade de tratamento sen data de finalización prevista, encontrarse en seguimento en consulta e acreditar unha adherencia ao tratamento dispensado superior ao 90 %.

O acceso a este servizo no ámbito do sistema público de saúde de Galicia requirirá da solicitude previa da persoa interesada e da correspondente autorización administrativa,  que será emitida pola xerencia da área sanitaria que corresponda, de acordo coa residencia do paciente.

Ata o de agora, Galicia non contaba cun sistema xeneralizado e regulamentado de repartición e entrega de medicamentos e produtos sanitarios a domicilio, aínda que a Lei 3/2019, de ordenación farmacéutica de Galicia, xa recollía a posibilidade de introducir a entrega de medicamentos a domicilio.

O presente decreto desenvolverá o artigo 7 da citada lei, ao tempo que prevé que esta prestación se poida estender a outros supostos en que concorran situacións sanitarias excepcionais ou necesidades asistenciais específicas.

Con carácter previo, este proxecto de decreto someteuse ao trámite de consulta pública previa co obxecto de solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas destinatarias da norma, e recibíronse un total de 15 suxestións. Na elaboración desta nova de regulación contouse coa colaboración dos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.

O proxecto de decreto será sometido agora e durante os próximos días ao trámite de información pública e audiencia. As achegas que se reciban serán analizadas no marco da tramitación previa á aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.

Co novo decreto, o Goberno galego  reforza a súa aposta por unha atención farmacéutica máis accesible, próxima e inclusiva de cara ás persoas que teñan recoñecida unha situación de dependencia e ás súas familias, ao tempo que garante unha mellor xestión dos servizos públicos.

As achegas ao texto poden realizarse ata o 21 de xullo a través do Portal de Transparencia.

Data de actualización: 01/07/2025