O Centro Tecnolóxico da Carne, adscrito a Medio Rural, realizou no 2024 un total de 36 proxectos de I+D+i que beneficiaron 68 entidades do sector
A conselleira María José Gómez presidiu o Padroado do CTC, que tamén levou a cabo durante o pasado ano máis de 28.000 análises en laboratorio, dun total de 5.880 mostras, mediante a utilización de 59 técnicas analíticas
A misión do CTC é dar resposta ás necesidades en I+D+i dos axentes do ámbito cárnico e alimentario, xerando, transferindo e divulgando coñecemento útil con proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e prestación de servizos de calidade
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
A Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), presidida pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, realizou durante o ano 2024 un total de 36 proxectos de Investigación, Desenvolvemento e innovación (I+D+i) no ámbito agroalimentario que beneficiaron máis de 68 empresas e entidades do sector e supuxeron un investimento global de preto de 15,7 millóns de euros.
Estas cifras foron avaliadas na reunión do Padroado do CTC, que está encabezado pola titular de Medio Rural e na que tamén participaron, entre outros, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
A gran parte das iniciativas de I+D+i nas que participa este centro proveñen da participación en convocatorias competitivas de carácter autonómico, nacional e internacional. Así, dos 36 proxectos realizados polo CTC, 25 foron de ámbito autonómico, 5 de carácter nacional e os 6 restantes de alcance internacional.
Exemplos de iniciativas
Entre as iniciativas levadas a cabo, cabe mencionar unha relacionada co emprego de drons para implementar un sistema de gandaría de precisión en vacún e equino criados en extensivo; outra sobre robótica, dixitalización e automatización como motores de competitividade e crecemento das pemes; un proxecto arredor do aforro de auga en rega e outros insumos mediante novas tecnoloxías ou outro relacionado cos co-produtos agroalimentarios como fonte de compostos bioactivos para o desenvolvemento de produtos cárnicos funcionais.
Ademais, como parte do seu labor de apoio ao sector, o centro levou a cabo durante o pasado ano máis de 28.000 análises en laboratorio, dun total de 5.880 mostras, mediante a utilización de 59 técnicas analíticas. Esta actividade viuse complementada, asemade, coa organización de xornadas de difusión e a simulación de procesos e produtos na súa planta piloto.
Misión do Centro
A misión da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne é dar resposta ás necesidades en I+D+i dos axentes relacionados co ámbito cárnico e alimentario (empresas, administración e sociedade), xerando, transferindo e divulgando coñecemento útil, a través da realización de proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e prestación de servizos de calidade, que impulsen os procesos de innovación tecnolóxica, dende unha perspectiva de desenvolvemento sostible.
Os eixos estratéxicos do centro son a xeración e desenvolvemento de coñecemento tecnolóxico orientado á competitividade do sector cárnico, a posta en valor e transferencia ao mercado da oferta tecnolóxica do CTC, o desenvolvemento estrutural para eficiencia e a sustentabilidade e a divulgación da innovación tecnolóxica e a comunicación institucional. As liñas de acción do CTC baséanse en catro áreas fundamentais: o I+D+i no ámbito cárnico; asesoramento e transferencia tecnolóxica ao sector cárnico; servizos ás empresas cárnicas; e a formación.
En resumo, o centro dependente da Consellería do Medio Rural proporciona así coñecemento útil a través da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a prestación de servizos de calidade, coa finalidade de lograr un sector cárnico e agroalimentario máis competitivo.