A Xunta patrocina o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o 29 de agosto na ‘Noite meiga’ de Sarria
Sarria (Lugo), 3 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia patrocina o concerto que ofrecerán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o venres 29 de agosto en Sarria no marco das actividades da Noite meiga, e sufraga outros gastos de produción do evento, segundo confirmou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, durante a presentación do cartel.
A programación inclúe tamén nesa primeira xornada as actuacións de Mondra e DJ Russ. O sábado a animación musical correrá a cargo da Banda de Música da Comarca de Sarria, dos grupos de danza de Meigas e Trasgos, e D´Crooners Band, ademais de celebrar, xa de madrugada, a Danza da Noite Meiga, o epicentro desta festa. O domingo está dedicado aos máis cativos, coa “Tardiña meiga”.
O encargado de desvelar o programa desta edición foi Iván Piñeiro, vicepresidente de Meigas e Trasgos, a asociación que organiza un ano máis esta tradicional cita que aspira a ser declarada de Interese Turístico Galego. A entidade tramitou recentemente a solicitude e agradeceu o asesoramento e a colaboración no proceso do Goberno galego.