Activo un incendio forestal no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio
O lume supera as 20 hectáreas de superficie afectada, segundo as últimas estimacións provisionais
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025.
A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo arestora no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio.
O lume iniciouse ás 06.16 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 5 axentes, 11 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 1 avión.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.