A Xunta convoca preto de 2.000 prazas de enfermeiro para o ingreso por concurso-oposición como persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde
Ofértanse 1.980 prazas, das cales 1.361 son para a quenda de acceso libre, 495 de promoción interna e 124 pola quenda de discapacidade xeral
O prazo de inscrición de participación no concurso-oposición comeza o 14 de xullo e remata o 5 de setembro
Como novidade neste proceso, elimínase o requisito de estar en posesión da nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde coa convocatoria do concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro. O número total de prazas ofertadas é de 1.980, das cales 1.361 son para a quenda de acceso libre, 495 de promoción interna e 124 pola quenda de discapacidade xeral.
As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE).
O prazo de inscrición de participación no concurso-oposición comeza o 14 de xullo e remata o 5 de setembro de 2025.
Os interesados deberán posuír, na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución da convocatoria.
Novidade na convocatoria
Como novidade neste proceso, elimínase o requisito de estar en posesión da nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo na categoría de enfermeiro.
O órgano convocante poderá verificar certos requisitos de participación a través da plataforma de interoperabilidade da Xunta de Galicia (PasaXe!). Isto implica que os aspirantes que non se opoñan no formulario de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de interoperabilidade non terán a obriga de achegar certa documentación acreditativa como o DNI ou NIE, o certificado de discapacidade ou o certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia, a certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non percibir no momento actual prestación ou subsidio por desemprego en calquera parte do territorio nacional.
Fóra destes supostos ou cando conste a oposición expresa a súa consulta, os aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa dos requisitos indicados na base segunda da convocatoria.
Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Os interesados deberán rexistralos debidamente no seu expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e) e acreditalos documentalmente na forma e prazos indicados na convocatoria.
Todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso poden ser remitidas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.