A Xunta licita a execución da mellora de 165 paradas de autobús nas estradas autonómicas de case unha trintena de concellos cun investimento de case 6 M€
As intervencións inclúen a dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación
Estas intervencións enmárcase no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús que ten en marcha a Xunta nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento previsto de 35M€
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
A Plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe a licitación de tres contratos para levar a cabo melloras da accesibilidade e conectividade en 165 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas de case unha trintena de concellos galegos, que suporán un investimento total de case 6 millóns de euros. Os proxectos están cofinanciados con fondos europeos FEDER do período 2021-2027, e enmárcanse no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.
Por unha parte, inclúense 69 paradas de autobús na zona sur da área de transporte metropolitano de Ferrol -32 en Neda, 17 en Mugardos, 16 en Fene e 4 en Ares- situadas en oito estradas autonómicas (AC-115, AC-121, AC-122, AC-123, AC-125, AC-130, AC-133 e AC-862 que suporán un investimento autonómico de 2,4 millóns de euros.
Tamén se publican actuacións deste tipo noutras 40 paradas nas de rutas de acceso á cidade de Ourense, cunha dotación de 1,1 millóns de euros. Serán nas estradas autonómicas OU-101, OU-113, OU-121, OU-150, OU-533, OU-536, OU-540, OU-603 e OU-636 e actuarase en 8 paradas en Ourense, 6 no municipio de Barbadás e outras 6 en Viana do Bolo, 5 no Bolo, mentres que en Castro Caldelas, Esgos, Larouco, Petín e A Rúa actuarase en dúas paradas en cada concello e nunha nos casos de O Barco de Valdeorras, Coles, Laza, Maceda e Verín.
E, por último, licítanse traballos en 65 paradas de autobús en 10 municipios das contornas da Coruña e de Santiago para actuar no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña ás que se destinarán 2,4 millóns de euros. Estes proxectos desenvolveranse en 22 en Cambre , 15 paradas de Abegondo, 11 en Betanzos, 9 en Oza-Cesuras, 3 en Curtis, e nos casos de Boimorto, Melide, Mesía, Ordes e Carral, con melloras nunha parada en cada un dos concellos. As paradas están situadas en 9 estradas de titularidade autonómica (AC-161, AC-211, AC-213, AC-214, AC-221, AC-221 AC-400, AC-524, AC-542 e AC-840).
As actuacións proxectadas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevén traballos complementarios de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.
As intervencións abrangue a colocación de refuxios de tipo rural e urbano, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con novas marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático. No eido destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.
Ademais, as actuacións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas, así como o reforzo do firme naqueles puntos nos que se instalen as citadas marquesiñas.
Con estas intervencións o Goberno galego ten como obxectivo incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos, no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de corto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación; e redundará nunha diminución das emisións de partículas nocivas de xeito gradual.
As melloras pretenden ademais fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación.
Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús que a Xunta ten en marcha nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia. O investimento total previsto é de arredor de 35 millóns de euros.