A Xunta adxudica por máis de 3,3 M€ as obras de reforzo do firme en tres estradas ao seu paso por dez concellos da provincia de Lugo
Actuarase en distintos treitos das vías da Xunta: LU-633, LU-546 E LU-621, nos seus percorridos polos municipios do Corgo, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria, Triacastela e Monforte de Lemos
O departamento que dirixe M. Allegue continúa traballando na mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través de Axencia Galega de infraestruturas, adxudicou por 3.342.935,20€ a execución das obras de reforzo do firme nas estradas de titularidade autonómica LU-633, LU-546 E LU-621, nos seus percorridos polos concellos da provincia de Lugo: O Corgo, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria, Triacastela e Monforte de Lemos.
Estas obras, que foron adxudicadas á empresa Grupo Bascuas 2008, S.L., teñen como obxecto a rehabilitación da capa de rodaxe para mellorar as condicións de circulación nos distintos treitos das citadas tres estradas. O prazo estimado de execución desta actuación é de seis meses.
En concreto na LU-633, que comunica Pedrafita e o Alto do Hospital, intervirase en tres treitos que suman 48,50 quilómetros de lonxitude, e se corresponden cos puntos quilométricos 0+000 a 13+500, 26+840 a 27+870 e 50+000 a 84+050.
Na estrada LU-546, Nadela-Monforte, intervirase en dous treitos, entre os quilómetros 10+085 a 13+700 e do 51+720 a 55+560; sumando en total os 7,4 quilómetros de lonxitude.
Finalmente, na estrada LU-621, que una A Pobra de San Xiao-Baralla, a intervención centrarase entre os puntos 11+300 a 19+000, actuándose en total en 7,7 quilómetros de lonxitude desta vía.
En total, os treitos das tres estradas de titularidade da Xunta obxecto deste novo contrato de acondicionamento do firme, superan os 63 quilómetros de lonxitude.
As actuacións obxecto deste contrato consistirán na renovación superficial do firme existente nos distintos treitos destas vías de titularidade autonómica.
Ademais, complétase a actuación co repintado de todas as marcas viarias dos treitos de actuación, así como coa reposición da sinalización horizontal.
Todo isto, co fin de prolongar a vida útil do pavimento e mellorar a comodidade e seguridade dos usuarios das vías de titularidade autonómica.
As intervencións non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas están incluídas dentro da franxa de dominio público.
O departamento que dirixe M. Allegue segue a apostar pola mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria.