A Xunta comeza os trámites para duplicar a superficie do polígono industrial do Pousadoiro, en Vilagarcía de Arousa

A ampliación deste parque empresarial será de 212.254 m² que se suman aos 210.000 m² xa existentes

Permitirá dotar dunha maior oferta de solo unha das comarcas con máis pulo industrial de Galicia e favorecer, así, a implantación de novas empresas

Este plan de ordenación ten un prazo de execución de 24 meses e comprende, tamén, o proxecto de urbanización e parcelamento

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia vén de aprobar a licitación do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) do polígono industrial do Pousadoiro, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), que vai permitir duplicar a súa superficie actual e dotalo, así, de solo dispoñible para empresas.

Este plan de ordenación ten un prazo de execución de 24 meses e comprende, tamén, o proxecto de urbanización e parcelamento. En concreto, a ampliación será de 212.254 m² que se suman aos 210.000 m2 xa existentes, e o importe da licitación é de 232.489,85 euros.

O proxecto de ampliación comprende dous ámbitos de actuación, situados ao norte e ao sur da PO-305, que pasa ao carón do polígono. No leste, desenvolveranse 28.654 m², integramente no Concello de Vilagarcía de Arousa. Ao sur desa estrada está prevista a ampliación de 183.600 m², que se distribúen a partes iguais entre os municipios de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Coa licitación do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose), o Goberno galego avanza na planificación para dotar dunha maior oferta de solo unha das comarcas con máis pulo industrial de Galicia e favorecer, así, a implantación de novas empresas.

Resposta ás necesidades empresariais

Este novo impulso para acelerar a tramitación da ampliación do parque empresarial do Pousadoiro prodúcese despois do encontro mantido pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, con empresarios de Vilagarcía de Arousa e da comarca o pasado 17 de xuño.

A actuación para ampliar o polígono do Pousadoiro enmárcase na estratexia do Goberno galego de dotar de solo industrial aqueles concellos e comarcas nos que hai demanda para atraer novas empresas ou consolidar as existentes, facilitando o seu asentamento e xerando emprego.

Data de actualización: 11/07/2025