Un total de 2.123 persoas avanzan á última fase das oposicións de Educación, que concluirán o 20 de xullo

Concorren ás 1.664 prazas da OPE convocada pola Consellería de Educación, ás que se presentaron uns 17.600 aspirantes

Agora tócalles a defensa da programación e exposición de unidade didáctica ou dun tema, en función da modalidade á que se presentan

O conselleiro Román Rodríguez salienta o labor dos tribunais, que están traballando intensamente durante o período estival para que os novos profesores se incorporen ás aulas en setembro

Lembra que este proceso permitirá seguir mellorando a ratio de alumno/profesor “que xa é das máis baixas do Estado” e reforzar o cadro de docentes da educación pública galega malia o contexto de caída demográfica

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2025

Un total de 2.123 persoas veñen de superar a primeira fase do proceso de oposicións no ensino para as 1.664 prazas de 50 especialidades convocadas pola Xunta de Galicia este ano e ás que se presentaron 17.611 aspirantes sobre uns 20.500 inscritos, segundo os datos avanzados hoxe polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Así pois, todas elas pasan á ultima fase na que, en xeral, procederán a defensa da programación e exposición de unidade didáctica (para mestres e profesores de secundaria) e a exposición dun tema (para os que cambian de especialidade).

Román Rodríguez, que lle desexou sorte aos convocados nesta “recta final” que concluirá o 20 de xullo, agradeceu tamén o intenso traballo que durante esta época estival están a desenvolver os integrantes dos 183 tribunais que xulgan e supervisan as probas co fin de que as persoas que acaden praza se incorporen ao seu novo destino este setembro coincidindo co arranque do vindeiro curso escolar 2025-26. Neste senso, subliñou a rigorosidade na organización nun proceso que se está desenvolvendo con absoluta normalidade malia á magnitude do dispositivo, que implica a mobilización de máis de 2.500 persoas entre membros e membros suplentes dos tribunais.

O titular de Educación salientou, ademais, que este proceso de oposicións no ensino permitirá seguir mellorando a ratio de alumno/profesor en Galicia, “que xa é das máis baixas do Estado”, e reforzar o cadro de docentes da educación pública galega malia o contexto de caída demográfica.

Oferta por especialidades

No proceso de oposicións de educación deste ano foron admitidas máis de 20.500 persoas admitidas para un total de 1.664 prazas de persoal funcionario. A maior parte, un total de 1.424 (case o 86%), son de ingreso libre, mentres que 10 son para o acceso ao corpo de inspectores de educación e outras 230 para que mestres que forman parte xa do sistema poidan acceder ao un posto como profesores de Secundaria.

Por corpos, no de mestres hai 426 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 918 en 33 especialidades. Pola súa banda, hai 80 prazas en oito especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 10 para inspectores de educación. En canto á promoción interna, hai 230 prazas en 32 especialidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2025