O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración acompañado, entre outros, do director de Turismo de Galicia, participou no acto de clausura do programa Escolas Abertas 2025

Máis de 40 participantes no programa da Xunta Escolas Abertas 2025 difundirán en 11 países o baile e a música tradicional de Galicia

O alumnado desta iniciativa imparte docencia en centros galegos do exterior e recibiron formación especializada nas modalidades de baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, confección de traxe tradicional, gaita e percusión

En concreto, procede de Arxentina, Uruguai, Cuba, Brasil, Venezuela, México, Chile, Costa Rica, Alemaña, EEUU e España, onde difundirán nestes países o aprendido en Galicia no marco deste programa co que se levan formado máis de 2.000 persoas

José González subliñou o apoio do Executivo autonómico á comunidade galega no exterior a través da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 coa que se impulsan iniciativas a prol da integración sociolaboral das persoas que deciden regresar

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo de relevo o valor do programa Escolas Abertas como ponte de conexión entre Galicia e a diáspora galega que permite continuar preservando e difundindo a cultura e as tradicións galegas. Así o expuxo durante o acto de clausura da edición deste ano desta iniciativa, que tivo lugar entre o 4 de xullo e hoxe, e na que participan 44 alumnas e alumnos procedentes de 11 países de América e Europa -incluíndo outros puntos de España-.

Ao evento,  celebrado na sede do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), tamén asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez, e alí o conselleiro destacou e agradeceu o labor das persoas participantes na iniciativa. Tanto, do profesorado, como do alumnado, que son persoas que imparten docencia nas entidades galegas do exterior e que nestes días recibiron formación especializada e cualificada no ámbito técnico e didáctico nas modalidades de baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, confección de traxe tradicional, gaita e percusión.

En concreto, o alumnado procede de Arxentina, Uruguai, Cuba, Brasil, Venezuela, México, Chile, Costa Rica, Alemaña, Estados Unidos e España, onde difundirán o aprendido en Galicia no marco desta iniciativa coa que se levan formado máis de 2.000 persoas.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a relevancia da formación para asegurar a transmisión daqueles elementos identitarios e tradicionais que definen a comunidade, como poden ser precisamente a música, a cultura, o canto e o baile, entre a xente da propia rexión e a que reside no exterior.

Xosé Merelles puxo en valor, ademais, a proxección internacional do CSHG, centro de referencia do sector turismo en Galicia. Con máis de 3.000 profesionais formados que desenvolven o seu labor en empresas de todo o mundo, a institución busca tamén difundir a gastronomía -outro dos elementos definitorios da terra- fóra da comunidade. Ademais, anualmente realiza convocatorias de bolsas dirixidas a residentes no exterior. Para o curso 2025-2026, o CSHG incrementou o seu número ata as 22 bolsas, das que 12 son para cursar o Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelaría e outras 10 para o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras. Precisamente, este luns 13 de xullo saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución de bolsas para realizar o vindeiro ano o curso superior de Chef de Cocina e Pastelaría. En total, serán 5 alumnos residentes no exterior os que cursen estes estudos.

Apoio á comunidade galega do exterior

Ademais, José González puxo de relevo o apoio da Xunta á galeguidade no exterior, fortalecendo programas como Escolas Abertas e impulsando novas iniciativas. Nesta liña, subliñou a importancia da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, no marco da que se impulsan programas orientados á integración sociolaboral dos que deciden retornar á Comunidade, ben como emprendedores ou ben como traballadores. Neste sentido, sinalou que esta planificación é posible grazas ao traballo da Administración galega para manter os vínculos coas persoas galegas do exterior. Un labor, especificou, que inclúe o reforzo de programas como Escolas Abertas.

Outro programa que destacou o conselleiro é o Retorna Cualifica Emprego, que ofrece en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con formación e axudas para establecerse. Tamén se referiu, entre outras iniciativas, ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para fomentar o regreso de xente nova con alta cualificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2025