Arias participa na presentación do XVII Critérium Aeronáutico, que se celebrará no Aeródromo de Rozas do 25 ao 27 de xullo

O CIFP As Mercedes participará cun simulador de voo desenvolvido no centro, ademais de expoñer proxectos realizados nos ciclos de Aeromecánica

Lugo, 17 de xullo de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na presentación do XVII Critérium Aeronáutico e a XXXIX Volta Aérea a Galicia, que promove o Real Aeroclub de Lugo no Aeródromo de Rozas durante a fin de semana do 25 ao 27 de xullo.

Arias felicitou á entidade organizadora pola traxectoria desta cita, atractiva para os amantes da aviación e para a cidadanía en xeral, xa que “ofrece a todo tipo de público a oportunidade de achegarse á cultura aeronáutica de forma amena, participativa e segura”.

O evento brinda a oportunidade de saltar en paracaídas - en tándem e co acompañamento dun profesional -; desfrutar de experiencias a bordo dun avión acrobático ou realizar un bautismo aéreo. Nesta edición tamén estará exposto o globo aerostático da Federación Aeronáutica Galega. 

Outro dos reclamos será un simulador de voo desenvolvido no CIFP lucense As Mercedes, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que tamén exporá outros proxectos realizados nos ciclos de Aeromecánica. Ao longo da fin de semana sucederanse ademais diversas exhibicións de aeronaves.

O delegado gabou o esforzo do Aeroclub, presidido por Francisco Abelleira, para impulsar este evento que está consolidado como un dos mellores do país na súa modalidade. Agradeceu así mesmo “o traballo e paixón” da familia Abelleira para garantir a ano tras ano a continuidade desta cita, “que tamén axuda a darlle visibilidade a unha infraestrutura estratéxica como é o aeródromo de Rozas”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2025