Marta Villaverde e Anfaco abordan os principais retos da industria conserveira

O correcto etiquetado dos produtos veganos de imitación e a exclusión do atún do Acordo de Libre Comercio con Tailandia, asuntos abordados no encontro institucional

A Xunta apoia a Anfaco no seu labor de promoción e comercialización nacional e internacional dos produtos marítimo-pesqueiros, cun convenio anual a través do que leva investido desde 2015 preto de 1,5M€

Vigo, 18 de xullo de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, mantivo este venres un encontro institucional coa xunta directiva da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco-Cytma), no que abordaron os principais retos que debe afrontar a industria conserveira de Galicia. Neste senso, destacaron a importancia de que o etiquetado dos produtos veganos de imitación respecte a composición do produto en aras de non xerar confusión e descoñecemento aos consumidores.

Esta acción complementaría, segundo apuntou, a norma aprobada en xuño pola Xunta de Galicia que regula as conservas artesanais de Galicia, e que pon o foco na esencialidade do proceso produtivo, garantindo a seguridade alimentaria e a sustentabilidade na práctica.

O atún, motor da industria conserveira

A industria conserveira obtivo en 2024 unha produción que superou as 308.000 toneladas, acadando un volume de negocio de 1.898 millóns de euros. Por categorías, o atún mantense como o motor desta actividade, achegando case o 74% da produción e preto do 56% do valor total. As vendas de conserva fóra das nosas fronteiras creceron un 3,7% en volume e aumentaron un 8,1% en valor, de forma que a súa progresión supera o 13,5% en toneladas e o 51% en valor desde 2019, cos túnidos representando o 54% do volume total de conservas exportado.

Precisamente, en relación co atún, a conselleira trasladou que Galicia reclama a exclusión total desta especie do Acordo de Libre Comercio con Tailandia e, por tanto, do proceso de liberalización arancelaria, e normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións entre este país e a UE que eviten a competencia desleal. Unha posición, matizou Villaverde, consensuada co sector, que tamén inclúe unha reforma da PPC que mellore o equilibrio entre a dimensión económica, social e ambiental da actividade pesqueira e o comercio de peixe en igualdade de condicións con terceiros países, ademais dunha pesca sostible baseada en datos científicos.

1,5M€ desde 2015

Noutra orde de asuntos, no encontro tamén se fixo balance do apoio da Consellería a este entidade, materializado nun convenio anual que se mantén desde o ano 2015 e destinado a coordinar accións de promoción da comercialización nacional e internacional das conservas e transformados de peixes e mariscos de Galicia. A través desta iniciativa, o departamento que dirixe Villaverde leva achegados a Anfaco desde a data indicada preto de 1,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2025