Os Concertos do Xacobeo impulsan a oferta turística de Valdeorras cunha nova edición do Terrasón
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou este ciclo que se estenderá do 1 de agosto ao 14 de setembro
Daranse cita figuras de bandas e artistas de orixe galego como Carla Lourdes, Ángela González, The Black Wings, Seika, Notazul, El Patio de Leni e Caamaño&Ameixeiras
O Barco de Valdeorras (Ourense), 23 de xullo de 2025
Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia regresan esta fin de semana de novo ao verán do Barco de Valdeorras dándolle cobertura a unha nova edición do ciclo de concertos Terrasón. Do 1 de agosto ao 14 de setembro, a música encherá espazos característicos da vila ourensá como a Praza Maior, o Paseo do Malecón, a Praza de Viloira ou San Roque, entre outras localizacións.
O ciclo Terrasón naceu en 2020 co desexo de achegar bandas emerxentes e talento galego a zonas con locais de hostalería co fin de dinamizar turística e culturalmente O Barco de Valdeorras. Neste 2025, o ciclo contará cos directos espallados nas noites de verán– de artistas e bandas como Carla Lourdes, Ángela González, The Black Wings, Seika, Notazul, El Patio de Leni, Claudio & The Roosters, Los Brazos, Sr. Jingles e Caamaño&Ameixeiras. Así o presentou está mañá en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou “a boa acollida do público nas anteriorese edicións da cita” ao tempo que engadiu que “o ambiente festivo e a dinamización da economía e a oferta turística local durante case dous meses son claves neste proxecto”. Ademais, engadiu que “é unha satisfacción contribuír á celebración desta proposta musical que aposta polo talento local e permite gozar da música en directo nas noites do verán ourensán”. “O tándem música e gastronomía polo que aposta o Terrasón son sempre unha fórmula gañadora para os públicos cos gustos máis diversos”, concluíu.
Proposta rica e variada
Os xéneros musicais que este ano presenta o Terrasón son ricos e variados: do pop pegadizo ao máis reflexivo e sentimental; do pop-rock dos anos 80 e 90 a blues, o country e o rockabilly; do metal ao hard rock; do jazz á música tradicional galega con tintes contemporáneos. Trátase dun dos eventos máis singulares da súa contorna, cunha oferta que se estende no tempo e que permite ao público gozar da música e da cociña locais dotando á localidade dunha atractiva oferta de ocio e turística.
A cita enmárcase nos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, como o Our Fest, o Orballo Cultural, o Festival Ou Yeah!, SilFest, O Son da Estación ou este ciclo Terrasón. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.