A Xunta destina preto de 1,5 M€ para a mellora da produción e comercialización de produtos apícolas
A Consellería do Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución destas achegas, das que se beneficiarán 23 persoas, agrupacións e empresas, co obxectivo de impulsar o sector da apicultura
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2025
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas concedidas ao sector da apicultura para o ano 2025, cunha dotación total de case 1,5 millóns de euros. O obxectivo destas achegas é mellorar as condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da Intervención Sectorial Apícola incluída no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) para o período 2023-2027.
En total resultaron beneficiarios 23 expedientes, que inclúen persoas físicas e xurídicas titulares de explotación apícola e agrupacións de apicultores.
Estas achegas financiarán a contratación directa de técnicos e especialistas para a información e a asistencia a apicultores/as e a membros de agrupacións de apicultores/as, a contratación de persoal administrativo para agrupacións de apicultores/as, os tratamentos contra a varroase, tamén os compatibles coa apicultura ecolóxica, os produtos para incrementar a vitalidade das colmeas en estados de risco para a supervivencia da colonia e a renovación e/ou acondicionamento de cera.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250723/AnuncioG0426-180725-0001_gl.html