A Xunta colabora con 3 proxectos indiviudais e colectivos nos Premios Galicia de Acción Voluntaria

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotadas con 12.000 euros

María Goretti Paz González, a Asociación Socio Cultural Boanoite e o Voluntariado para a inclusión da Fundación Abrente son os galardoadas desta edición

As persoas ou iniciativas beneficiarias recibirán 4.000€ por cada unha das tres modalidades de recoñecemento

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2025

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2025 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para recoñecer publicamente o labor das persoas físicas e xurídicas que desenvolven programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade. Así, mediante esta convocatoria, o Goberno galego premia a 3 proxectos, un por cada modalidade convocada.

A través desta orde, a Xunta destina 12.000 euros para poñer en valor o exercicio da acción voluntaria a nivel individual e colectivo e os beneficios que esta lle proporciona a todo o conxunto da sociedade, ofrecendo 4.000€ a cada modalidade. Así, podían presentarse nas modalidades de categoría individual como persoa voluntaria do ano, na colectiva como entidade de acción voluntaria e como mellor proxecto.

Neste senso, o recoñecemento de persoa voluntaria do ano é para María Goretti Paz González pola súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditas no ámbito do voluntariado; o de entidade de acción para a Asociación Socio Cultural Boanoite da Coruña polo seu labor de acompañamento, visibilización e dignificación das persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade. No eido do mellor proxecto, pola súa banda, o galardón é para o Voluntariado para a inclusión da Fundación Abrente, cuxo enfoque está centrado en mellorar a autonomía e o empoderamento persoal das persoas con diversidade funcional.

Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pretende fomentar e promover a participación social da cidadanía no desenvolvemento da acción voluntaria a través de entidades debidamente rexistradas no Rexistro de Acción Voluntaria, ou, no marco dalgunha actividade promovida polo Goberno autonómico ao abeiro da Lei de acción voluntaria.

Data de actualización: 27/07/2025