A Xunta lamenta a inacción do Goberno central na toma de decisións e medidas para evitar as continuas incidencias do servizo ferroviario galego

Ante os constantes problemas rexistrados, urxe unha vez máis ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a garantir o correcto funcionamento das conexións

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025

A Xunta úrxelle ao Goberno central a tomar medidas que eviten as continuas incidencias que rexistra o servizo ferroviario galego e que están a causarlles serios prexuízos ás persoas usuarias. Non son casos illados, senón reiterados problemas que non cesan. Por este motivo, o Goberno galego lamenta a inacción do Goberno central na toma de decisións e medidas que garantan o correcto funcionamento das conexións ferroviarias.

Onte mesmo, martes, volvían saltar queixas no Barco de Valdeorras polos retrasos do convoi procedente de Barcelona, situación xa descrita como habitual, e o pasado domingo decenas de persoas quedaban sen servizo ferroviario na estación de Sarria, sen ningún tipo de aviso ou explicación. Dous días antes, o venres, os viaxeiros do tren da mañá entre O Barco de Valdeorras e Ourense víanse obrigados a facer a viaxe de ida e volta en autobús, e o 11 de xullo pasaxeiros do traxecto de media distancia A Coruña-Vigo Urzáiz accedían ao tren en Santiago de Compostela para logo parar en Padrón e ter que ser reubicados noutro convoi, que acadaba o destino cunha hora de demora.

Desde o Goberno galego laméntase unha vez máis a falta de resposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ante situacións que levan meses repetíndose e que provocan constantes queixas entre a cidadanía. Preocupa ademais a desconfianza que isto produce cara á utilización do tren como medio de transporte.    

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xa manifestou esta preocupación en diferentes ocasións, tanto en sede parlamentaria como a través de numerosas cartas remitidas ao ministro Óscar Puente e aos máximos responsables de Adif e de Renfe, sen que polo momento se tomasen medidas que eviten as incidencias.

O Goberno galego lamenta que as persoas que se desprazan cada día por traballo, estudos ou outros motivos, aos que se suman ademais nesta época os desprazamentos estivais e de lecer, se vexan prexudicados constantemente polas incertezas en relación ao funcionamento dos trens, tanto de media distancia como de alta velocidade, sen que Renfe e Adif acheguen explicacións.

Nesta liña, a Xunta leva meses esixindo ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o interlocutor con Renfe comprometido para poder contar con información actualizada sobre estas incidencias.

Aos incumprimentos nos tempos e frecuencias prometidos, e aos continuos retrasos súmanse ademais problemas na reserva e compra de billetes para todo tipo de viaxes, de longa e de media distancia, que non se dan resolto a pesar das constantes queixas dos usuarios.

O Goberno galego considera este bloqueo un exemplo máis do caos e falta de planificación na prestación do servizo ferroviario, que afecta a milleiros de persoas na organización e planificación das súas viaxes. De feito, en maio o Consello da Xunta acordou solicitar un informe á Comisión Galega da Competencia para que avalíe a posible conduta abusiva de Renfe ante o bloqueo da venda anticipada de billetes en Galicia, que se ve limitada a un prazo moi reducido, a diferencia doutras comunidades.

Data de actualización: 24/07/2025