A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, M. Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu conta desta actuación, que beneficiará a unha poboación de 160.000 habitantes
A Xunta licita por 11,2 M€ as obras para a conversión en autovía de 4,9km da vía de altas prestacións Brión-Noia
O desdobramento da VAP impúlsase trala aprobación en febreiro do proxecto de trazado da autovía entre Brión e Martelo
As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de setembro e o prazo de execución das obras estímase en 18 meses
A conselleira subliña o compromiso da Xunta para avanzar unha Galicia mellor vertebrada, con planificación e a correspondente dotación orzamentaria “para seguir conectando o territorio con estradas sostibles, cómodas e seguras”
A actuación licitada hoxe beneficiará a unha poboación de 160.000 habitantes dos concellos de Brión, Rois, Santiago, Ames, Lousame e Noia
Rois (A Coruña), 29 de xullo de 2025
A Xunta vén de licitar por 11,2 millóns de euros a execución das obras da conversión en autovía de 4,9 km da vía de altas prestacións Brión-Noia, que discorren polos concellos de Brión e Rois. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu conta desta licitación, para a que as empresas poderán presentar ofertas ata o 12 de setembro.
En concreto, actuarase no treito entre Brión e o enlace de Urdilde (entre os puntos quilométricos 11+640 e 16+600). A licitación das obras deste treito paso dá continuidade á aprobación no mes de febreiro do proxecto de trazado do desdobramento da CG-1.5 entre o remate da autovía Santiago-Brión ata o inicio do tramo Martelo-Noia, cun investimento estimado que superará os 29 M€.
A conselleira subliñou o compromiso do Goberno galego para avanzar nunha Galicia mellor conectada: “Planificamos, presupostamos e executamos, co obxectivo de seguir vertebrando o territorio con estradas sostibles, cómodas e seguras”.
Neste senso, Allegue destacou os investimentos que está a levar a cabo neste momento grazas a esa planificación e dotación orzamentaria a Administración autonómica nas vías de altas prestacións, e citou o das obras dun novo treito da VAP Tui-A Guarda (18M€), o proxecto para continuar a autovía Nadela-Sarria co novo tramo entre Nadela e A Pobra de San Xiao (34,7M€) ou as obras de prolongación da AG-59.
Ademais, está en exposición pública o novo trazado da prolongación da autovía da Costa da Morte, e onte luns aprobouse provisionalmente no Consello da Xunta o proxecto de trazado da variante de Carballo.
Allegue subliñou que o desdobramento licitado hoxe vai beneficiar de xeito directo a unha poboación de máis de 160.000 habitantes, dos concellos de Brión, Rois, Santiago, Ames, Lousame e Noia. E lembrou que as vías de altas prestacións supoñen xa máis de 500 km da rede viaria autonómica, de xeito que 8 de cada 10 galegos xa viven a menos de 15 minutos dunha destas estradas.
A actuación
En concreto, a estrada proxectada no desdobramento terá en cada calzada dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e disporá de mediana de 3 metros entre bordos de beiravía das plataformas contiguas, dándolle continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión. O prazo de execución das obras estímase en 18 meses.
No marco das obras que se acometerán realizaranse algunhas modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia (AG-56), co obxecto de adaptar o trazado existente á nova autovía. Unha delas será a reconstrución dos noiros do desmonte na marxe esquerda en dirección Noia, para obter o ancho necesario para a nova sección.
Conservarase o enlace de Urdilde, sendo obxecto do desdobramento a execución definitiva dos ramais da calzada para desdobrar, pero o ramal de entrada en Gundín desaparecerá coa ampliación da calzada pola imposibilidade física de conservalo co desdobramento da vía.