A Xunta remata as obras de urbanización da Fase C do Parque Empresarial de Morás que suman preto de 230.000 m2 de solo industrial nunha comarca estratéxica para os emprendedores
O parque conta na actualidade cunha superficie de 1,3 millóns de metros cadrados, dos que 913.217 son de superficie útil para uso industrial
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia vén de solicitar ao Concello de Arteixo a recepción do ámbito da Fase C do Parque de Actividades Económicas de Morás (Arteixo) para a súa afección de uso público, unha vez que xa remataron as obras de urbanización e que permitirán ampliar a capacidade do polígono en 227.554 metros cadrados.
Deste xeito, a Xunta, a través de Xestión do Solo de Galicia – Xestur avanza no obxectivo de poñer solo empresarial a disposición dos emprendedores para o asentamento de novas empresas ou a ampliación da capacidade das xa existentes. Sobre todo, nun municipio de gran interese para as principais empresas do tecido económico galego para asentarse nunha localización estratéxica pola súa proximidade co Porto Exterior da Coruña e o acceso directo as vías de alta capacidade como son a A-6 e a AG-65.
Coa finalización das obras da Fase C, o polígono pasa a ter unha superficie urbanizada de 1.308.046 m2, dos que 913.217 son de parcelas útiles para uso industrial. A superficie total do parque cando este plenamente urbanizado terá unha superficie total 1.528.310 m2 dos que 1.009.677 m2 corresponden a parcelas de uso industrial.
Nueva Pescanova ocupará o 26,1% deste fase
A urbanización da Fase C iniciouse no ano 2024 e xa se adxudicaron 25.627 m2 (o 26,1% da superficie útil) a Nueva Pescanova para o desenvolvemento dun proxecto empresarial singular. A Xunta de Galicia ten investido na execución deste parque empresarial 92 millóns de euros, un esforzo destinado a facilitar o asentamento e dinamizar a actividade empresarial, ademais de captar novos investimentos, dada a importancia estratéxica de Arteixo como elemento aglutinador da demanda de solo empresarial do área metropolitana de A Coruña. A flexibilidade e capacidade de adaptación ás demandas das empresas permitiu que o Parque Empresarial de Morás se convertese nun polo de atracción para empresas senlleiras do tecido económico de Galicia.
Deste xeito, na Fase A adxudicáronse 105.964 m2 ao grupo Aluman nunha única parcela, mentres que Acciona adquiriu 6 parcelas que suman 20.904 m2; a Fundación Laboral da Construción comprou unha parcela de 14.118 m2 e Inversiones Subel (Grupo Carteson) adquiriu outra de 12.600 m2.
O resto das parcelas vendidas foron adxudicadas a diferentes empresas que se fixeron cunha ou dúas parcelas de diferentes dimensións. A Fase B foi adxudicada a Hijos de Rivera, cunha parcela de 466.137 m2, e a Elinsa (Electrotécnica Industrial y Naval), unha filial do grupo Amper, que conta con case 20.000 m2 sumados de tres parcelas.
A ampliación do parque empresarial de Morás forma parte do proxecto da Xunta de Galicia para desenvolver mais de 5 millóns de metros cadrados de solo industrial nos vindeiros anos en todo o territorio da Comunidade autónoma, co obxectivo de facilitar a implantación e crecemento das empresas e contribuír a xeración de emprego.