O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, participou no Encontro de Verán da Asociación de Médicos Galegos

Gómez Caamaño sinala a atención á poboación maior do rural galego como obxectivo prioritario da Consellería de Sanidade

Felicita os traballos impulsados polos profesionais do Servizo Galego de Saúde para promover unha atención próxima e integral ás persoas maiores en concellos rurais da provincia de Ourense, recoñecidos hoxe coa Bolsa Asomega Rural

Monforte de Lemos (Lugo), 1 de agosto de 2025.-

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante o Encontro de Verán da Asociación de Médicos Galegos (Asomega), subliñou a relación persoal dos profesionais sanitarios nas contornas rurais e a atención en especial ás persoas maiores do rural como prioridade da Consellería de Sanidade.

Ademais do conselleiro, ao acto celebrado no Parador de Monforte asistiron a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.

Tras a entrega dos proxectos recoñecidos coa Bolsa Asomega Rural, Gómez Caamaño felicitou á doutora Sonia Isela Trejos, do centro de saúde de Manzaneda, e ao doutor Carlos Moral, do centro de saúde de Chandrexa de Queixa, pola súa iniciativa de impulso dun Plan de actuación integral ‘Saúde natural no macizo central’. O obxectivo do proxecto é potenciar o envellecemento activo e implicar a profesionais da enfermería, nutricionistas, farmacéuticos, ademais de persoal municipal e educativo e asociacións de mulleres da contorna.                                                                                                                 

Ademais, o conselleiro de Sanidade entregou o accésit desta edición ao proxecto titulado Rede de apoio psicosocial para persoas maiores no ámbito rural. A iniciativa, das facultativas Alicia Falagán, do centro de saúde da Rúa, e María Lozano, do centro de Vilamarín, promove a creación dunha rede comunitaria de voluntariado e profesionais de saúde para realizar visitas domiciliarias, actividades grupais e talleres que fomenten a saúde mental, o benestar emocional e a inclusión social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2025