Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.00 h. de hoxe
Está activo un incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie que supera as 55 hectáreas
Continúa activo o incendio da localidade ourensá de Vilardevós, parroquia de Terroso, no que foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume aos núcleos de poboación de Dona Elvira e Enxames
Está controlado dende as 18.33 horas o lume do concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Miñortos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 28 hectáreas
Mantense estabilizado o incendio forestal do municipio pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto que afecta unha superficie dunhas 300 hectáreas
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe, sábado.
Activo Ponteceso-Cospindo
Está activo un incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 55 hectáreas. O lume inciouse ás 16.12 horas de hoxe e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 6 axentes, 8 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio e 3 helicópteros.
Activo Vilardevós-Terroso, Activada Situación 2
Continúa activo o lume forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 500 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume aos núcleos de poboación de Dona Elvira e Enxames. A Dirección Xeral de Emerxencias xa levantou o confinamento dos núcleos de Dona Elvira e do barrio das Picotas.
O incendio iniciouse ás 23.04 horas deste venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 27 axentes, 34 brigadas, 26 motobombas, 6 pas, 10 helicópteros e 9 avións. Ademais, por parte da Xunta solicitouse a incorporación aos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Porto do Son-Miñortos
Está controlado dende as 18.33 horas o lume do concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Miñortos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 28 hectáreas. O incendio comezou ás 02.52 horas desta madrugada e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 7 axentes, 10 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 2 avións e 2 helicópteros.
Estabilizado A Cañiza-O Couto, desactivada Situación 2
Mantense estabilizado desde as 19.57 horas de onte venres o incendio forestal do municipio pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto. A Situación 2 neste lume desactivouse ás 12.22 horas do mediodía de onte, polo que tamén se desmobilizou aos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción.
Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá do xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.
O lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 15 técnicos, 43 axentes, 66 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.