A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou en Ordes as instalacións do Grupo Ramón García e Steel Core e reuniuse coa Asociación de Empresarios do parque empresarial
Lorenzana destaca o potencial de Ordes para a dinamización empresarial e a captación de investimentos
Subliña o compromiso da Xunta co desenvolvemento de solo industrial, un piar “fundamental para xerar riqueza” e pon en valor a situación estratéxica do municipio
Lembra que o obxectivo do Goberno galego é o de “fixar industria, crear emprego local e mellorar a vida da xente e das empresas”
O concello coruñés foi beneficiario o ano pasado dunha axuda de case 120.000 euros para a mellora do acceso peonil ao polígono empresarial de Merelle
Na reunión coa Asociación de Empresarios, a conselleira explicou polo miúdo as novas figuras de solo empresarial postas en marcha neste 2025 como é o caso das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes)
Ordes (A Coruña), 5 de agosto de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o potencial do concello de Ordes para a dinamización empresarial e a captación de investimentos e puxo en valor a súa situación estratéxica.
Lorenzana estivo esta mañá no polígono industrial de Merelle en Ordes para visitar as instalacións que o Grupo Ramón García e a empresa Steel Core teñen neste parque empresarial coruñés. Durante a visita, subliñou o compromiso da Xunta co desenvolvemento do solo industrial, pois “para nós é fundamental mellorar a competitividade do noso tecido empresarial para poder xerar riqueza”, dixo.
Así, a conselleira lembrou que a estratexia do Goberno galego é a de facilitar o acceso ao solo industrial “para impulsar o crecemento e a atracción de empresas” a través de espazos máis seguros, eficientes e sustentables “tanto para as empresas como para a cidadanía”, apuntou.
Neste marco, fixo alusión ás axudas postas en marcha pola Xunta para a mellora das infraestruturas de parques empresariais e das que o concello de Ordes foi beneficiario o ano pasado con case 120.000 euros para a mellora do acceso peonil ao polígono de Merelle.
Ademais, tamén explicou que este ano o Executivo autonómico aprobou outra liña de apoios de nova creación dotada cun millón de euros para modernizar os equipos e sistemas de seguridade dos polígonos. “E a primeira vez que activamos unha liña de axudas destinada exclusivamente a implantar solucións que minimicen os riscos nos polígonos”, sinalou. En definitiva, “o noso obxectivo é o de fixar industria, crear emprego local e mellorar a vida da xente e das empresas que estades aquí en Ordes”, subliñou.
Reunión coa Asociación de Empresarios
A titular de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tamén mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios do Parque Empresarial de Ordes para coñecer de primeira man as súas demandas e preocupacións.
Na reunión, a conselleira aproveitou para explicarlles polo miúdo as novas figuras de solo empresarial que a Administración autonómica puxo en marcha neste 2025. Nomeadamente, as chamadas Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) e as Zonas Industriais Rurais (Zir), que permiten reducir os prazos para o desenvolvemento e buscan facilitar que a iniciativa privada poida desenvolver áreas empresariais, especialmente naquelas localizacións onde existe demanda real por parte dos promotores.