A Xunta comeza a instalación dos pantaláns da estrutura flotante do Parrote, na Coruña
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025
A Xunta vén de iniciar hoxe a instalación dos pantaláns da plataforma flotante que está a habilitar na zona do Parrote, na Coruña.
En total son 12 os pantaláns que levará a estrutura flotante, de 5 metros de ancho e 12 de largo. Estes módulos, elaborados en formigón armado, foron prefabricados na planta da adxudicataria da obra, López Cao, nas proximidades de Buño, en Malpica.
Os pantaláns están sendo trasladados en transporte especial por estrada, de dous en dous e, unha vez no espazo, se procede á súa precolocación con transporte marítimo. Hoxe está previsto que cheguen catro dos módulos e o resto ata os 12 serán trasladados ao longo da semana.
A previsión é que a finais desta semana queden os 12 módulos precolocados, para posteriormente iniciar os traballos de suxeición e anclaxe sobre os mortos xa instalados aos que vai ancorada a plataforma do Parrote. A última parte do traballo será finalmente a execución do pavimentado en madeira que cubrirá a superficie dos pantaláns.
A Administración autonómica avanza nas obras desta plataforma, que levan ao redor do 70% de execución, co obxectivo de telas listas a finais deste verán. Cun investimento de 2,9M€, esta infraestrutura moderna e accesible permitirá o desenvolvemento de actividades náuticas de recreo.