A Xunta aborda con Fegataxi da Coruña a situación do sector pola convivencia cos servizos VTC e incide na competencia do concello da Coruña no seu termo municipal

A directora xeral de Mobilidade informou de que o Goberno galego actúa no marco das súas competencias, realizando labores de inspección e sanción en relación co cumprimento da normativa e dos tráficos interurbanos

Desde xuño remitíronselle ao Concello da Coruña oito actas de infracción por servizos prestados no ámbito urbano

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse esta semana co presidente da asociación Fegataxi, Ricardo Villamisar, quen trasladou a preocupación destes profesionais polas licenzas de vehículos de turismo con condutor (VTC) na cidade da Coruña. A directora xeral informou que a Xunta, no marco das súas competencias, xa lle remitiu unha comunicación ás persoas titulares destas licenzas lembrándolles as súas obrigas, ademais de colaborar coas policías locais e a Garda Civil de Tráfico na inspección do cumprimento da normativa.

Nesta liña, apuntou que o Goberno galego tramita as autorizacións de licenzas VTC domiciliadas en Galicia, por delegación de competencias do Estado, pero que os concellos poden exercer as súas competencias no ámbito urbano. Pese a que a competencia de vixilancia e inspección dos servizos que transcorren por un termo municipal corresponde aos concellos, a  Xunta no marco do seu labor de inspección de transporte pode identificar,  e xa o ten feito, vehículos con licenza VTC que realizan desprazamentos urbanos e envía os informes de inspección aos concellos, que son os competentes para sancionar

Judit Fontela incidiu en que, no caso da Coruña, o concello debe exercer as súas competencias no ámbito urbano respecto ás VTC e deixar a confrontación co sector e con outras administracións. “Se a alcaldesa non quere asumir as súas competencias, pedimos que non se escude na Xunta e que deixe de lado a confrontación”, engadiu.

Sinalou tamén que, desde xuño, se lle remitiron ao concello da Coruña oito actas de infracción detectadas pola Xunta no seu labor inspector, e “é o concello o que legalmente debe iniciar eses expedientes e, no seu caso, sancionar”. A maiores, nunha inspección de vehículos de turismo na estación de ferrocarril da Coruña para verificar o cumprimento da normativa de transportes, esta mesma semana, se detectaron oito infraccións por servizos urbanos que se lle remitirán proximamente ao Concello.

Cómpre lembrar que a Xunta ten competencia para controlar e sancionar os servizos interurbanos que detecte dentro da comunidade autónoma en relación cos requisitos e obrigas recollidas na Lei de transporte en vehículos de turismo e normativa autonómica de desenvolvemento, así como os recollidos na normativa estatal de aplicación, e así o fai en todos os casos nos que se detecta unha infracción. A maiores, cando se detectan infraccións que son competencia municipal, como a realización de tráficos urbanos, remite os informes aos concellos, tal e como fixo no caso da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2025