Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.30 h. de hoxe
Están activos o incendio de Maceda-Castro de Escuadro, no que xa foi desactivada a Situación 2 (arredor de 300 ha) e o de Chandrexa de Queixa-Requeixo (800 ha aprox.)
Permanece estabilizado o lume da Fonsagrada-Monteseiro (150)
Están controlados os incendios de Ponteceso-Corme Aldea (60 ha), Ponteceso-Brantuas (200 ha) e Padrenda-Padrenda (40 ha)
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.30 horas de hoxe domingo.
A CORUÑA
Controlado Ponteceso-Corme Aldea
Permanece controlado, desde as 23.52 do mércores, o incendio forestal da localidade coruñesa de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se desactivou a Situación 2 na tarde do mércores. O lume iniciouse ás 14.12 horas do martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 26 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Brantuas
Segue tamén controlado desde as 19.13 horas do mércores outro incendio neste mesmo concello de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do sábado 2 de agosto e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 26 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
LUGO
Estabilizado A Fonsagrada-Monteseiro
Segue estabilizado desde as 12.45 horas de onte sábado o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 53 axentes, 69 brigadas, 75 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Activo Maceda-Castro de Escuadro. Desactivada Situación 2
Segue activo, desde as 23.19 horas de onte sábado, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou en entre cinco e seis puntos case simultáneos -o que apunta cara unha clara intencionalidade-. Neste lume xa foi desactivada a Situación 2, que fora declarada de madrugada pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 11 axentes, 17 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 3 helicópteros e 6 avións.
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Continúa tamén activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 800 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 11 técnicos, 33 axentes, 55 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 11 avións.
Controlado Padrenda-Padrenda
Está controlado, desde as 22.03 horas de onte, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 7 axentes, 19 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.