O presidente da Xunta visitou o Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense
Rueda reitera por carta ao Goberno central a petición de máis medios na loita contra os incendios
Ourense, 14 de agosto de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou o Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense. Na súa visita anunciou que se vén de remitir de novo unha carta ao Goberno central coa petición de máis medios na loita contra os incendios. “Volveremos a reiterar a necesidade de calquera medio dispoñible”, subliñou.
Rueda advertiu de que a xornada volve ser especialmente complicada debido ás altas temperaturas, á ausencia de chuvia e á previsión de ventos cambiantes que dificultan as tarefas de extinción. Na actualidade, permanecen activos dez incendios forestais: nove na provincia de Ourense e un na da Coruña.
As principais vías de comunicación por estrada permanecen abertas, aínda que continúa cortado o tráfico ferroviario. “Estamos en contacto co responsable de ADIF á espera de que se poida garantir que en todo o tramo non hai ningún problema de seguridade”, afirmou. Na súa comparecencia, Rueda tamén informou de que non hai núcleos de poboación evacuados, salvo o confinamento da Madanela, que se prevé levantar nas próximas horas.
Actualmente, case 1000 efectivos de distintas administracións participan nas tarefas de extinción na comunidade. “A Xunta de Galicia ten desprazado persoal a todas as provincias para garantir a seguridade”, engadiu.
Por último, o presidente lembrou que xa está en vigor o convenio anual coa Brilat, con base en Pontevedra, que permite que este corpo do Ministerio de Defensa realice labores de vixilancia dos montes nos distintos distritos forestais galegos.