A Xunta licita por máis de 812.000 € as obras de mellora para reducir o risco de inundación do río Fontecova, en Viveiro

A actuación está destinada a mellorar a capacidade hidráulica do leito do río e a evitar asolagamentos no núcleo da Tafona

Os traballos para reducir o risco de inundación da ARPSI fluvial de Fontecova é froito da colaboración entre Augas de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Viveiro

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2025

A Xunta saca a licitación pública por 812.624,75 euros, con IVE incluído, a obra de melloras estruturais para a redución do risco de inundación da Área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) fluvial do río Fontecova, no concello lucense de Viveiro. A recepción de ofertas finaliza o 19 de setembro de 2025 e o prazo de execución previsto é de 8 meses.

A actuación de melloras estruturais enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro, que ten vixencia ata finais de 2026. O financiamento realízase con cargo a fondos procedentes do MRR, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do NextGenerationEU.

Do investimento total, Augas de Galicia achegará preto do 61% e o resto será aportado a partes iguais polo organismo provincial e polo concello. As actuacións do proxecto localízanse na ARPSI Río Fontecova de grupo IV (risco elevado), pertencente ao ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e o proxecto construtivo ten como base as propostas específicas de xestión do risco de inundación desenvolvidas previamente por Augas de Galicia nesa zona e consensuadas co concello.

A licitación ten por obxecto mellorar a capacidade hidráulica do leito do río nun tramo de 280 metros de lonxitude, unha zona cunha importante presión urbana en ambas marxes na que as inundacións afectan a vivendas situadas no núcleo da Tafona.

As obras, cunha duración estimada de oito meses, realizaranse en catro treitos repartidos nun total de 11,3 quilómetros, que son os que integran a ARPSI Río Fontecova. As principais obras implicarán realizar a canalización das marxes do río, actuacións no azude e tarefas de urbanización de pavimentos.

Data de actualización: 24/08/2025