O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, Francisca Luengo, asinaron o correspondente convenio
A Xunta e Fegerec renovan a súa colaboración para a rehabilitación fisioterapéutica das persoas con enfermidades raras e neurodexenerativas
Para o cumprimento dos obxectivos deste convenio o Goberno galego achegará a cantidade de 32.803 euros
O Executivo galego aprobou recentemente a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030, na que se van investir 400 millóns de euros e que reforzará os servizos de rehabilitación e ampliará o cribado neonatal
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), Francisca Luengo, veñen de renovar a colaboración destinada á rehabilitación fisioterapéutica das persoas con enfermidades raras e neurodexenerativas.
Para o cumprimento dos obxectivos deste convenio, o Goberno galego achegará a cantidade de 32.803 euros.
Tal e como recolle o acordo subscrito, favorecerase o acceso á rehabilitación fisioterápica de persoas que padecen unha enfermidade rara e que residan en Galicia. Así mesmo, ofrecerase información relacionada co ámbito da fisioterapia ás persoas que padecen unha enfermidade rara e ás súas familias, tendo en conta a patoloxía e os seus síntomas.
Ademais, actuarase na prevención de problemáticas afines, tales como alteracións circulatorias, complicacións respiratorias ou alteracións musculoesqueléticas, co obxectivo de que as persoas afectadas logren, no posible, unha máxima capacidade funcional e independencia nas actividades da vida diaria.
A prestación destes servizos levarase a cabo por parte de profesionais con suficiente experiencia e formación na abordaxe das técnicas fisioterapéuticas neste tipo de doenzas e en clínicas máis próximas aos municipios onde viven as persoas beneficiarias.
Compromiso coas enfermidades raras
O Executivo galego aprobou recentemente a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030, na que se van investir 400 millóns de euros e que reforzará os servizos de rehabilitación e ampliará o cribado neonatal.
Unha Estratexia que se enmarca na aposta do Goberno autonómico por tratar desde a sanidade pública as enfermidades raras e mellorar a calidade de vida dos máis de 5.200 pacientes diagnosticados que hai na comunidade con algunha destas patoloxías.
Ao respecto, a Xunta creou nos últimos anos unidades específicas para enfermidades raras na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que xa rexistraron 5.600 consultas. Ademais, Galicia conta co cribado neonatal máis completo de España.
No marco desta iniciativa, a Xunta realizará un investimento de preto de 400 millóns de euros para desenvolver un conxunto de actuacións que teñen por obxectivo mellorar a calidade de vida destes pacientes que sofren este tipo de doenzas, durante os próximos cinco anos.