A Xunta convoca os Premios do Comercio Galego 2025 para recoñecer os profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do Plan estratéxico
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras destes galardóns que outorga a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Haberá cinco categorías: Premio Comercio Galego (dotado con 5.000 euros), Premio Comercio Traxectoria (3.000 euros), Premio Comercio Emprende (3.000 euros), Premio Comercio Dinamización (5.000 euros) e Premio Comercio Sostible (3.000 euros)
O director xeral de Comercio e Consumo sinalou estes galardóns como unha vía idónea para consolidar a competitividade do comercio galego, primeiro eixe de acción do Plan estratéxico 2025-2030 do sector con medidas para a modernización ou dixitalización
Precisamente Gabriel Alén visitou hoxe cinco negocios beneficiarios das axudas da Xunta para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, dotadas este ano con case 4 M€ e que buscan avanzar nesta mesma dirección
Pontevedra, 26 de agosto de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, puxo en valor hoxe os Premios do Comercio Galego 2025 como vía para recoñecer os profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 promovido pola Xunta da man de todos os axentes implicados. No día no que saen publicadas as bases reguladoras destes galardóns no Diario Oficial de Galicia (DOG), o representante autonómico visitou en Pontevedra cinco negocios beneficiarios das axudas para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, dotadas este ano con case 4 millóns de euros e que buscan avanzar nesta mesma dirección.
En concreto, o director xeral estivo en Juncal Alimentación, na xoiería Oliva Ouro, na xeadería Stromboli e nas carnizarías JM Gourmet e Macario Carniceiros. Todos eles forman parte dos 664 comercios de proximidade e 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que poderán impulsar a súa dixitalización, innovación e sustentabilidade grazas ao apoio da Xunta.
Estas tres liñas da convocatoria —compatibles entre si— enmárcanse, segundo destacou Alén, no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co afán de apoiar o sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente e mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos. Tamén buscan avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia.
Nese senso, cabe recordar que entre as diferentes medidas para impulsar a competitividade do sector —o primeiro dos eixes do Plan estratéxico— o documento contempla accións pioneiras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para os comerciantes nos recintos feirais de Galicia, a aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda en si mesmas ou o incremento da capacitación profesional, coa posta en marcha, por exemplo, de microformacións dixitais en temáticas moi específicas de interese para o día a día dos negocios ou dun plan de formación para os xerentes dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.
Tamén se artellan accións a prol do emprendemento e a pervivencia de negocios rendibles, promovendo sinerxías coa Rede de polos e buscando o talento de perfís clave como a mocidade e os galegos retornados. Garantir a remuda tamén é un dos grandes obxectivos para Artesanía de Galicia, buscando a recuperación dos oficios tradicionais con novas iniciativas como as bolsas de aprendices en paralelo ao programa Aprender da tradición.
Premios do Comercio Galego 2025
O director xeral destacou ademais que o DOG publica hoxe a convocatoria e as bases reguladoras dos Premios do Comercio Galego 2025. O obxectivo destes galardóns é recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.
Os establecementos interesados en optar aos premios poderán presentar as súas candidaturas desde mañá e ata o próximo 26 de setembro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.
A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250826/AnuncioG0767-210725-0001_gl.html