Medio Rural promociona os produtos agroalimentarios con selo de calidade diferenciada con mercados en Viveiro e Ribadeo
Desde este venres ao domingo celebrarase o Mercado de Experiencias de Calidade nos xardíns de Noriega Varela en Viveiro, con amplo programa de actividades ao longo das tres xornadas
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria contará cun expositor no Mercado de Abastos de Ribadeo para dar a coñecer estes produtos tanto este venres como o sábado
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, promove dous eventos de promoción dos produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade diferenciada nos concellos de Ribadeo e Viveiro.
Neste sentido, desde este venres e ao longo de toda a fin de semana celebrarase un Mercado de Experiencias de Calidade en Viveiro, que estará situado nos xardíns de Noriega Varela, no que participarán 24 produtores amparados por denominacións de orixe, con viños e queixos; as indicacións xeográficas protexidas de mel, viño e lacón galego; así como os selos de Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica.
Ao longo do evento, o público poderá participar en sorteos, degustacións diarias con produtos con selos de calidade como DO, IXP ou ecolóxicos, así como en diversas actividades para todos os públicos como actuacións musicais, nun ambiente pensado para poñer en valor o traballo e os avances do sector alimentario galego.
O obxectivo desta proposta é achegar ao público os produtos con indicativos de calidade diferenciada, facilitando a súa degustación e adquisición sen ter que buscalos nos mercados convencionais, os cales tamén se poden atopar na web experienciasdecalidade.gal, un marketplace no que a axencia facilita a compra directa dos produtos de calidade diferenciada de Galicia aos seus produtores sen intermediarios.
Por outra banda, este venres e sábado levaranse a cabo unhas xornadas de “Experiencias de Calidade” no Mercado de Abastos de Ribadeo, que estarán acompañadas dun amplo abano de actividades como catas, degustación e mostras de cociña nas que se poderán saborear pratos elaborados con produtos con selo de calidade, entre os que destacan a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, os queixos e viños premiados nas Catas de Galicia, así como diferentes produtos de Artesanía Alimentaria de Galicia.