Medio Rural promociona os produtos de calidade diferenciada do agro galego no Festival da Luz
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ofrece un completo programa de actividades e degustacións para todos os públicos durante a celebración do evento musical en Boimorto, ao longo desta fin de semana
A entidade, adscrita á Consellería do Medio Rural, ten instalada no festival unha caseta de madeira e unha “gastroneta” das experiencias de calidade
Boimorto (A Coruña), 30 de agosto de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe ao Festival da Luz, que se celebra ao longo desta fin de semana na localidade coruñesa de Boimorto. Neste evento, a Consellería do Medio Rural, a través desta axencia, está a facer promoción dos produtos con selo de calidade diferenciada agroalimentaria de Galicia. O director participou na entrega de lotes de produtos de calidade diferenciada aos gañadores das diferentes categorías da VIII Carreira Popular Cultivando Deporte, que se organiza no marco do festival.
Neste contexto, por parte de Medio Rural ofrécese un completo programa de actividades e degustacións para todos os públicos. Existen dous puntos de referencia. Por un lado, unha caseta de madeira que funciona como posto fixo con catro zonas diferenciadas. En primeiro lugar, unha área de degustación de Tarta de Santiago e Pemento de Herbón e na que o público tamén pode diferenciar estes produtos de calidade diferenciada doutros semellantes que non teñen esa marca. Ademais, tamén hai unha zona promocional da web Experiencias de Calidade na que os consumidores poden mercar directamente o produto e outros dous espazos para o xogo e o concurso destas experiencias, especialmente orientados aos cativos e sempre vinculados aos produtos con indicativo de calidade.
Por outra banda, Medio Rural tamén dispuxo no festival unha “gastroneta” das experiencias de calidade na que se reparten menús degustación entre os participantes nos xogos e concursos. Así, os equipos gañadores son agasallados con un vale para un “pic-nic” dos que están dispoñibles na web. Neste posto faise, así mesmo, reparto de produtos de promoción e de folletos dos indicativos de calidade e aténdese o público para explicarlle as vantaxes dos produtos de calidade diferenciada.
No espazo de promoción da plataforma experienciasdecalidade.gal, ademais de contar fisicamente con moitos dos produtos das denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e marcas de calidade diferencial galegas, desenvólvese unha actividade de tenda física e virtual para que os asistentes coñezan a web de promoción da Xunta e poidan diferenciar os logos en produtos alimentarios nunha tenda física simulada.