Belén do Campo participa no Festival de la Luz de Boimorto, unha cita solidaria e única no calendario musical galego

Este evento, impulsado pola cantante Luz Casal, converteuse nun punto de encontro imprescindible para os amantes da música e da cultura en Galicia

Boimorto (A Coruña), 29 de agosto de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, asistiu ao Festival de la Luz de Boimorto, que comezou hoxe venres 29 de agosto e se prolongará ao longo de toda a fin de semana. Este evento, impulsado pola cantante Luz Casal, converteuse nunha cita imprescindible para os amantes da música en Galicia, combinando a súa vertente solidaria cunha oferta ampla de artistas para todos os públicos.

A actividade musical do Festival de la Luz, forma parte dos Concertos do Xacobeo. A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o Festival de la Luz e máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. En concreto, na provincia da Coruña, os Concertos do Xacobeo suman máis de medio centenar de eventos.

A Consellería de Medio Ambiente está presente neste festival coa iniciativa divulgativa Van polo Clima, que forma parte do programa Mocidade polo Clima, e ten o obxectivo implicar aos máis novos na loita contra o quecemento global poñendo á súa disposición información actualizada e relevante relacionada con este tema, actividades de carácter lúdico e distendido e charlas inspiradoras por persoas de referencia nesta materia.

Tamén a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, montará un espazo durante as xornadas do sábado e do domingo, no que o público poderá participar en sorteos, degustacións diarias con produtos con selos de calidade como DO, IXP ou ecolóxicos,  así como en diversas actividades para todos os públicos, nun ambiente pensado para poñer en valor o traballo e os avances do sector alimentario galego.

O Festival de la Luz, que se celebra nun entorno natural privilexiado, ofrece unha experiencia única que vai máis alá da música en directo. Os asistentes poden gozar dunha zona infantil chea de actividades para toda a familia, demostracións de cociña en vivo, mercado de artesanía e gastronomía local, ademais de moitas outras sorpresas que fan deste evento unha experiencia diferente e inesquecible.

Con zona de acampada, áreas de restauración e espazos pensados para o lecer de grandes e pequenos, o festival é unha oportunidade para descubrir e apoiar o talento local, compartir momentos especiais e contribuír a unha causa solidaria.

Tamén hai tempo para o deporte no festival, coa Carreira pedestre popular “CULTIVANDO DEPORTE, BOIMORTO NO CAMIÑO”, con saída en Boimorto e a meta no  recinto, que forma parte das múltiples propostas de actividades do evento.

Así mesmo, convén salientar que na organización do festival colaboran os participantes do Campo de Voluntariado “Luces de Boimorto” que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén desenvolvendo en Boimorto dende o ano 2012 con fins solidarios, tanto nos días previos como durante o propio festival, permitindo que o voluntariado poida desfrutar da experiencia única de vivir un festival de música desde dentro a través de distintas actividades.

A delegada destacou “a importancia de citas como esta para dinamizar o territorio, poñer en valor o noso patrimonio cultural e natural e, ao mesmo tempo, apoiar proxectos solidarios que melloran a vida de moitas persoas”.

A representante do Goberno autonómico animou a toda a cidadanía a aproveitar estes tres días para mergullarse nun evento que xa é un referente en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2025