A Xunta publica a adxudicación de 233 prazas nas residencias xuvenís para o próximo curso

O Goberno galego pon estas instalacións ao servizo da mocidade, de entre 16 e 30 anos, que por motivos de estudos ou traballo, estean obrigadas a estar fóra do concello onde residen

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece prazas na residencia xuvenil LUG, en Lugo, a residencia Florentino López Cuevillas, en Ourense, e a Residencia Xuvenil Altamar, en Vigo

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2026

A Xunta acaba de adxudicar 233 prazas nas residencias xuvenís para os anos 2025/2026, destinadas á mocidade, de 16 a 30 anos, que por motivos de estudos ou traballo se vexa obrigada a estar fóra do concello onde reside. Así se publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia onde se recolle a distribución das mesmas para as instalacións públicas situadas en Lugo, Ourense e Vigo. 

Deste xeito, outorgáronse 81 prazas a persoas estudantes no Centro Residencial Xuvenil LUG situado en Lugo; un total de 60 a persoas estudantes na Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense, e 92 prazas a estudantes e  mocidade traballadora na Residencia Xuvenil Altamar, en Vigo. As estadías en cada centro terán unha duración máxima de 11 meses. Ademais do aloxamento e mantenza, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrécelles nestes espazos unha serie de servizos e actividades de convivencia e educativas complementarias. 

Cómpre lembrar que estas prazas están dirixidas a mozos e mozas que posúan a nacionalidade española, procedan dun país membro da Unión Europea ou sexan estranxeiros residentes en España e se correspondan con algún dos tres perfís que se diferencian. 

En canto aos requisitos para as prazas para  estudantado, as persoas interesadas debían estar matriculadas en Bacharelato, Formación Profesional, estudos universitarios de Grao ou equivalente, doutorados ou másteres universitarios oficiais, así como ter cumpridos os 16 anos e que no seu concello de residencia non existise oferta pública para cursar os estudos ou non acadaran a nota de corte ou puntuación mínima esixida.

De igual xeito, reserváronse 15 prazas para o estudantado colaborador que deberá desenvolver un proxecto de actividades na residencia centrado en áreas de información xuvenil, dinamización, ocio, novas tecnoloxías, deporte e fomento da convivencia. Neste caso deberá ter cumpridos os 18 anos, ter sido residente nalgún destes centros e ter unha renda familiar inferior ao 150% do IPREM do ano en curso.

Con respecto ás prazas para a mocidade traballadora a partir dos 16 anos, tanto por conta allea como propia, dispúxoselles de 18 prazas. Neste caso, para poder optar a elas o seu lugar de traballo debía radicar nun concello distinto ao da súa residencia habitual. A isto engádeselle que, en caso de contratos temporais, estes debería ter unha duración mínima de 3 meses contados desde a finalización do prazo de solicitudes.

Cómpre destacar que se reservaron dúas prazas específicas en cada residencia para mulleres vítimas de violencia de xénero, fillos destas e a mozos e mozas con expediente de protección aberto. 

Data de actualización: 13/08/2026