Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.00 h. de hoxe

Esta mañá quedaron extinguidos os incendios de Larouco-Seadur (31.778,18 ha); Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 23.763,65 ha); e o que afectaba a Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso (23.036,6 ha)

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.00 horas de hoxe domingo.

Esta mañá quedaron extinguidos os tres lumes que permanecían controlados: Laoruco-Seadur; Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín); e Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso. Polo tanto, non hai ningún activo nestes momentos en Galicia. Cómpre lembrar que os datos de superficie dos incendios destas últimas semanas poden sufrir cambios tras as últimas revisións que se realicen, cambios que poden supoñer nalgúns casos unha redución da superficie afectada.

OURENSE

EXTINGUIDOS

Extinguido Larouco-Seadur

Ás 13.23 horas de hoxe quedou extinguido o incendio iniciado o mércores día 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que se estendeu tamén aos concellos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Finalmente, este lume afectou unha superficie de 31.778,18 hectáreas, das cales 19.630,18 son monte raso e 12.148 arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 248 axentes, 328 brigadas, 256 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

Ás 13.20 horas de hoxe quedou extinguido este incendio. O martes 12 iniciouse no municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un lume que se uniu con outro rexistrado o venres 15 ás 17.22 horas na localidade de Xinzo de Limia, Gudín. Finalmente este lume afectou unha superficie de 23.763,65 hectáreas, das cales 14.491.36 son de monte raso e 9.273,99 de arborado, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 175 axentes, 241 brigadas, 153 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos 

Ás 10.20 horas de hoxe quedou extinguido o incendio de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e o de Vilariño de Conso (Mormentelos), que se uniron nun único lume. Os incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Finalmente, no seu conxunto, este lume afectou unha superficie de 23.036, hectáreas, das cales 20.663,6 se corresponden con monte raso e 2.373 con arborado. Parte desta superficie abrangue tamén os municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 189 axentes, 238 brigadas, 138 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cómpre salientar que nos incendios contouse coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2025