A Xunta inicia os traballos de limpeza na Ponte Vella de Ourense

Os traballos consisten na retirada manual da vexetación nos paramentos e na limpeza das xuntas

As actuacións realízanse empregando ferramentas e medios manuais e sen afeccións nin á ponte nin ao río Miño

Estas intervencións complementan ás que se veñen de executar na contorna da ponte, como a nova escaleira de baixada ao paseo do Miño no lado norte

Os traballos súmanse tamén á pavimentación do entronque da ponte coa avenida das Caldas, cuxas obras de humanización están xa rematadas, e á mellora da iluminación na ponte e na zona da capela dos Remedios

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025

A Xunta vén de iniciar os traballos de limpeza de vexetación na Ponte Vella de Ourense.

Trátase de actuacións de mantemento nos paramentos e tallamares da ponte, que inclúen a retirada manual da vexetación e maleza que existe nos paramentos de cantería, así como da limpeza das xuntas coa eliminación da terra e raíces.

Os traballos lévanse a cabo de xeito vertical e sen realizar perforacións, empregando ferramentas e medios manuais e sen afeccións á ponte nin ao río Miño.

Estas intervencións complementarán ás de mellora que se veñen de executar na súa contorna, como a nova escaleira conformada de baixada ao paseo do Miño no lado norte.

Os traballos súmanse tamén á pavimentación do entronque da ponte coa avenida das Caldas, cuxas obras de humanización están xa rematadas, e ás actuacións de posta en valor e mellora da iluminación executadas nos anos anteriores na ponte e na zona da capela dos Remedios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2025