A Xunta licita por preto de 557.000€ as obras de mellora de espazos públicos en Muíños

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación e establece un prazo de presentación de ofertas ata o 2 de outubro

As actuacións levaranse a cabo no lugar de Muíños, na parroquia de San Pedro de Muíños, na contorna de elementos do patrimonio cultural e natural, como a Reserva da Biosfera transfronteiriza Xurés-Gerés

Os traballos enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta, que achega o 70% do orzamento; e o Concello, que aportará o investimento restante

A intervención desenvólvese ao abeiro do Plan Hurbe, un programa de apoio aos concellos para promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025

A Xunta licita por preto de 557.000€ as obras de mellora de espazos públicos no concello de Muíños.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación e establece un prazo de presentación de ofertas ata o 2 de outubro. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.

Estas actuacións enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que financiará o 70% do orzamento; e o Concello de Muíños, que aportará o 30% restante.

O obxectivo é a mellora do lugar de Muíños, na contorna de elementos do patrimonio cultural, do patrimonio natural (Reserva da Biosfera transfronteiriza Xurés-Gerés), de varios regatos, e de liñas eléctricas. Actuarase en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor.

A intervención abordará a mellora da pavimentación para o uso peonil e de tráfico lixeiro principalmente na parte antiga do núcleo buscando dar uniformidade a todo o conxunto.

Estas obras desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Xunta colabora cos concellos no impulso de actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio.

A través deste programa, a Administración autonómica tamén posibilita reforzar o atractivo das aldeas, vilas e municipios, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza, no reforzo da competitividade económica e na fixación de poboación, especialmente no rural.

Data de actualización: 05/09/2025