Belén do Campo destaca o investimento de 100.000 euros na mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas en Teo co apoio da Xunta
A delegada da Xunta supervisou a zona nas que se están executando novas intervencións en Vilar de Calo cunha axuda de máis de 52.000 euros que reciben para as anualidades 25-26
Esta orde promove a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais co fin de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias
Teo (A Coruña), 10 de setembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, visitou hoxe o concello, e salientou alí o investimento de máis de 100.000 euros que recibe este municipio para intervencións ao amparo do Plan Camiña Rural de acceso a parcelas agrícolas das anualidades 24-25 e 25-26.
O Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, está dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026. Este programa ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas. Na provincia da Coruña reciben estes apoios 86 concellos por un importe de preto de 5,5 millóns de euros.
Estas axudas parten dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio. Teo conta, nesta nova convocatoria, cunha asignación de máis de 52.000 euros, que lle permitirá arranxar o camiño en Vilar de Calo en dúas anualidades. A delegada e a alcaldesa supervisaron o resultado das obras da primeira das intervencións do 2025, que xa está rematada cun investimento de máis de 25.000 euros.
Belén do Campo informou que os seis concellos da comarca de Santiago contan con máis de 373.000 euros para mellorar os seus camiños.
Ao abeiro desta orde son subvencionables as actuacións de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación das existentes.
Convocatoria 24-25
Este plan, estivo dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supuxo o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, en Teo levouse a cabo unha obra cunha axuda de máis de 49.000 euros.
O proxecto consistiu no afirmado e acondicionamento de viario municipal de O Pazo a Paraxó. Actuouse sobre unha lonxitude de 1.450 metros sobre a capa de rodaxe existente aplicando aglomerado en quente.
A delegada da Xunta informou que na comarca de Santiago recibiron, no 24-25, estas axudas 6 concellos (Vedra, Boqueixón, Brión, Teo, Ames e Val do Dubra) por un importe total de máis de 356.000 euros e na provincia da Coruña recibiron estes apoios 83 concellos por un importe de 5,2 millóns de euros.
Esta orde promove a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”.