A Xunta apoiou con case 600.000€ a 55 entidades veciñais na área de Vigo ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria deste ano

A directora xeral de Administración Local visitou hoxe, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, as obras realizadas no local social da asociación veciñal Emilio Crespo de Navia, unha das beneficiarias destas axudas

As achegas van dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas e poden acadar a totalidade do investimento realizado

O Plan específico de acción comunitaria saldouse con case 400 colectivos beneficiarios neste exercicio no que a Xunta incrementou o orzamento en 1M€ ata acadar os 4M€

Vigo, 10 de setembro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron hoxe á asociación de veciños Emilio Crespo de Navia para comprobar as melloras realizadas no seu local social ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2025, dirixidas a entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que beneficiaron a 55 entidades da área de Vigo, sumando case 600.000 euros de axuda. En concreto, no concello de Vigo foron 11 asociacións e comunidades de auga beneficiadas, que supuxo un investimento total duns 110.700 euros.

A Xunta destinou case 12.000 euros nesta actuación, cuxos obxectivos son fomentar a inclusión, coa mellora de accesos para adaptar o local ás necesidades dos usuarios; así como optimizar o uso do espazo para crear un Centro Cultural mellor adaptado á comunidade e que permita a realización dunha maior variedade de actividades. A asociación veciñal Emilio Crespo de Navia xa recibira nos últimos anos o apoio do Goberno galego con esta orde de axudas, un total de máis de 42.300 euros (incluíndo esta última actuación) para renovar o local e o seu equipamento.

Natalia Prieto explicou que estas obras buscan promover a participación cidadá en talleres, exposicións ou eventos culturais que fortalezan o asociacionismo local, fomenten a creatividade e a aprendizaxe e contribúan ao desenvolvemento cultural da comunidade local.

Neste ano, a través da Orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria, ao que se destinaron 4 millóns de euros de orzamento (fronte aos 3 millóns do exercicio anterior); resultaron beneficiarios uns 400 colectivos, case un cento máis que os 300 de 2024. Medrou tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 do ano pasado.

Por provincias, a meirande parte das entidades beneficiarias son de Pontevedra, con 172 actuacións subvencionadas por 1,7 millóns e de Ourense, con 128 proxectos por un montante de máis de 1 millón de euros. Pola súa banda, Lugo sumou 82 axudas, e A Coruña 72 con investimentos de 653.200 e 549.500 euros respectivamente.

Con esta orde, o Goberno galego contribúe a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Deste xeito, poden ser obxecto de subvención os investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

Apoio a obras e equipamento

A directora xeral aclarou que esta Orde conta con dúas liñas, unha delas dotada con 3,4 millóns de euros, para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

A outra liña de axudas financia, cunha achega de 600.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutro material básico para actividades específicas.

As axudas económicas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos. Ademais, hai a posibilidade da concesión de anticipos de ata o 100% que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención, por solicitude da entidade beneficiaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2025